Saltar al contenido
Portada » Novas » Juanfran: “Queremos acabar competindo ao máximo e despedirnos coa mellor imaxe posible”

Juanfran: “Queremos acabar competindo ao máximo e despedirnos coa mellor imaxe posible”

Juanfran: “Queremos acabar competindo ao máximo e despedirnos coa mellor imaxe posible”

O adestrador do CD Arenteiro, Juanfran García, compareceu na previa do encontro desta fin de semana fronte ao CD Lugo no Anxo Carro. O técnico valenciano destacou o compromiso dun vestiario que quere pechar a tempada coa mellor imaxe posible, competindo ata o derradeiro minuto pese ás dificultades vividas ao longo do curso.

“Foi unha semana boa, intensa de cara ao próximo partido. Había que mandar a información de que o último choque hai que competilo ao máximo”, explicaba o preparador verde, satisfeito co traballo realizado polo grupo durante os últimos días. “O equipo traballou ben, con boa mentalidade e compromiso, como sempre”, engadía.

O Arenteiro afronta a última xornada coa intención de despedir a tempada deixando boas sensacións sobre o céspede. “Xogámonos acabar o mellor posible, e ese é o noso único obxectivo ante un gran rival”, aseguraba Juanfran, que insistía na importancia de manter intacta a competitividade: “No fútbol que temos en mente, o esforzo non se negocia”.

O técnico tamén fixo referencia á situación extradeportiva do club, recoñecendo que segue sen novidades respecto ás últimas semanas: “A situación coñecémola todos, non cambiou. Estamos á espera de que nos trasladen a solución de cara a xuño”.

En canto ao estado da plantilla, Juanfran confirmou varias ausencias para o choque no Anxo Carro: “Viaxamos todos, porque creemos que independentemente de que o partido non teña influencia clasificatoria, o bloque que loitou tanto o merece”. Non estarán dispoñibles Bastida, Jordan e Diego por sanción, mentres que Alpha e Mingo tamén serán baixa.

Facendo balance da etapa vivida no club, o míster recoñeceu a dureza dunha campaña especialmente complexa: “O balance foi duro, aínda que cun crecemento moi importante. Vivimos situacións que non viramos nunca. Fíxonos crecer a nivel persoal”. Ademais, puxo en valor o traballo realizado polo corpo técnico e o vestiario: “Realizouse un traballo de grupo, de liderado e convencemento”.

Juanfran tamén lembrou con agarimo a súa anterior etapa no CD Lugo, coa histórica permanencia conseguida no fútbol profesional: “O momento que vivín en Lugo foi moi importante para o club. Conseguíuse unha salvación histórica para a memoria do club”. O técnico lamentou non poder desfrutalo coa afección debido á pandemia e mostrou o seu cariño cara á entidade lucense: “Oxalá haxa un recibimento moi bo en compensación”.

Por último, o adestrador verde destacou o potencial do rival desta xornada: “Analizando desde fóra, vese un equipo de nivel alto e categoría superior. O proxecto do Lugo estaba feito para outros obxectivos”. E concluíu agradecendo o vivido durante estes meses no Arenteiro: “Foi un pracer traballar neste club. Con todo o vivido, medramos en todos os sentidos”.

Noticias relacionadas