Igualdade absoluta no último encontro de competición disputado no feudo lucense.
O Club Deportivo Arenteiro despedía a tempada no estadio Anxo Carro fronte a un Club Deportivo Lugo que tampouco perseguía obxectivos clasificatorios no envite desta tarde. Boa disposición de ambos conxuntos durante a primeira metade, con dominio por tramos do cadro verde, superior ao seu rival na circulación de balón. Os de Juanfran traballaban con precisión na procura de espazos na zaga rival, abrindo o campo con criterio grazas ao labor de Ferreiro e Cuéllar por costados.
A primeira parte progresaba con ambos equipos buscando posicións de remate e profundidade, e cunha ocasión clarísima para os do Carballiño nas botas de David Ferreiro, que estrelaba o seu remate a boca de xerro no pau esquerdo da portería defendida por Marc. Pola súa banda, o conxunto albivermello intensificaba as súas accións a través de conducións interiores con Balboa e bos exercicios de orientación cara os seus homes máis adiantados. Algúns centros perigosos sobre a área visitante pechaban unha primeira metade intensa e igualada.
A segunda metade continuaba co guión previsto e ofrecía un Arenteiro vertical, decidido a transformar a posesión de balón en ocasións claras diante da meta rival. Bo traballo continuado dos verdes, que seguían atopando nas incorporacións laterais as aproximacións máis perigosas ao gol.
O paso dos minutos deixaba o previsible carrusel de cambios, condicionado tamén pola forte calor reinante durante a tarde, aínda que as estruturas permanecían sólidas en ambos bandos. Neste período gañaría protagonismo ofensivo o cadro local, aínda que sen o acerto necesario para desnivelar o marcador. Cun tramo final equilibrado entre os dous conxuntos, os noventa minutos chegaban ao seu fin cun empate sen goles no electrónico.

