Derrota pola mínima ante o filial de Osasuna.
Duelo de necesidades clasificatorias en Tajonar na tarde de hoxe. O Club Deportivo Arenteiro visitaba o feudo vermello coa misión de reencontrarse coa vitoria nun tramo final de liga no que se medirá con boa parte dos rivais directos. Os de Carballiño saltaban ao verde coas novidades de Alvin en portería, Brais e Dani González no centro do campo e o regreso de Lasure ao lateral esquerdo.
Primeiros minutos de ritmo alto entre dous equipos que buscaban, mediante xogo directo e poucos toques, chegar a posicións avanzadas. Protagonismo neste primeiro tempo para os homes de banda no cadro verde, con Jordan e Diego Moreno como principais referencias ofensivas no servizo de balóns cruzados.
O primeiro acto desenvolvíase cun maior control do conxunto visitante, con mellores achegamentos e maior posesión que o seu rival, fronte a un plantexamento directo e ofensivo dos locais, que buscaban a velocidade ao espazo dos seus xogadores máis adiantados. Os de Juanfran realizaban un bo traballo de equilibrio entre ataque e defensa, cunha correcta ocupación de espazos e chegadas constantes, principalmente polo carril esquerdo.
Chuca dispuxo da ocasión máis clara do período, a pase de Jordan, nun man a man que non atopou fortuna na execución. Ao fío do descanso, Álex López probaba sorte desde longa distancia, e a continuación era Mingo quen non chegaba por centímetros a un gran centro cruzado de Jordan. Pola súa banda, os locais buscaban sorprender en transicións rápidas, ben resoltas pola zaga verde.
A segunda metade aumentou en intensidade e prestacións, con máis chegadas do conxunto visitante. As bandas seguían sendo a principal vía de acceso á área rival, co Arenteiro adiantando liñas en busca dun gol que fixera xustiza ao visto sobre o céspede. Osasuna B tamén buscaba as súas opcións mediante accións rápidas e disparos desde media distancia.
Sería nunha xogada illada cando o conxunto local se adiantaba no marcador, cun gol de Yoldi tras un disparo colocado que superaba a Alvin.


