Derrota en casa fronte á AD Mérida por dous tantos a cero. Os goles de Capi e Lancho sentenciaron un partido complicado para os locais.
O CD Arenteiro regresaba a Espiñedo coa misión de buscar un triunfo tras varios encontros nos que merecera mellor sorte en canto aos resultados. Novidades no once con Gorka e Kandoussi para medir forzas ante unha AD Mérida que chegaba a Carballiño coa necesidade de sumar para manterse na parte alta da táboa.
Primeiros minutos intensos, con ambos equipos buscando a chegada por costados nun duelo axustado e de disputa constante. Os extremeños, firmes nas accións, amosábanse superiores nas disputas, mentres que o CD Arenteiro atopaba o seu espazo en transicións rápidas cara a portería rival. Sería a AD Mérida quen se adiantase no marcador, mercede ao tanto de Capi, que aproveitaba con habilidade un bo centro desde banda dereita para anticiparse á zaga e enviar o balón á rede.
O gol esporeou ao conxunto verde, que melloraba na circulación e atopaba con soltura aos seus homes de banda, con Moreno e Ferreiro como referencias no un contra un. Os de Juanfran trataban de facerse fortes arredor de Mingo como referencia ofensiva. As mellores ocasións para os locais chegarían nun disparo desde a frontal de Chuca e nun cabezazo de Mingo a centro pasado que estivo a piques de converterse no empate.
A volta de vestiarios traería malas novas para o CD Arenteiro. Lancho facía o segundo para os visitantes cun remate de cabeza desde o corazón da área tras un saque de esquina. Xerro de auga fría para os locais, que vían como o rival ampliaba a vantaxe no marcador.
Os de Juanfran buscarían o gol con chegadas rápidas e acumulación de efectivos en zona de remate, pero sen fortuna na execución. Alvin, Eliseo, Luca Lohr, Brais e Cuéllar entraban nesta segunda metade para achegar enerxía e tentar recortar diferenzas.
Bastida e Brais Val protagonizaron as mellores ocasións para os de Carballiño, especialmente no caso do centrocampista, que rozou o gol cun disparo colocado que se marchou por centímetros. O tramo final evidenciou tanto o empeño do equipo por achegarse no marcador como a falta de acerto nas accións decisivas. Nin sequera nas decisións arbitrais houbo sorte para o CD Arenteiro, que viu como un claro penalti sinalado polo colexiado era finalmente anulado tras a súa revisión.


