ARRIBAS: “TEMOS CLARO O PLAN DE PARTIDO. NA DIFICULTADE, DAREMOS UN PASO ADIANTE”
O C.D. Arenteiro afronta esta fin de semana unha nova saída, nesta ocasión ás terras asturianas, para medirse ao Real Avilés. Un encontro esixente no que o adestrador verdibranco, Jesús Arribas, confía en que o seu equipo dea un paso adiante e volva á senda do triunfo.
“O equipo está ben, e este domingo temos unha gran oportunidade. Levamos varios partidos sen conseguir os tres puntos, pero estamos preto”, asegurou o técnico madrileño, que ve ao grupo “convencido de aproveitar a ocasión que se nos brinda”.
Arribas destacou a mellora mostrada no último encontro e a capacidade do seu equipo para reaccionar:
“A segunda parte do outro día é o reflexo do que queremos. Na primeira non demos o suficiente. Reiniciamos, o equipo entendeu a importancia capital dun bo partido na casa”.
O preparador incidiu na intensidade e na mentalidade que deberán amosar en Avilés:
“Nivel de activación óptimo, carácter, personalidade… Temos un partidazo por diante para demostralo”.
Respecto ao rival, o técnico non escatimou eloxios:
“O Real Avilés é un equipo equilibrado, con potencial ofensivo, agresivo e de grandes xogadores. É un conxunto moi goleador, temos claro o que temos enfronte”.
En canto ao estado físico dos seus homes, Arribas confirmou boas novas no plano médico:
“Mingo xa está listo para participar. Jaume estará seguramente para a próxima semana. Ferreiro volveu, como se viu o último día. Poderemos viaxar coa práctica totalidade de efectivos dispoñibles”.
O adestrador explicou que o equipo ten un plan claro para o encontro:
“Temos claro o plan de partido e onde poñer o foco. Sabemos que teñen grandes xogadores e un gran adestrador, pero é nesa dificultade onde debemos dar un paso adiante”.
Tamén subliñou a importancia da concentración e da personalidade nos momentos decisivos:
“Haberá momentos de tensión, e aí é onde aparecen os xogadores de verdade. Nós témolos. A concentración é clave para atopar a oportunidade e aproveitar os tempos do xogo”.
Sobre o contexto do encontro, Arribas advertiu:
“É un rival moi complicado. O compromiso entre semana pode facer que xestionen cambios, pero teñen unha gran plantilla. Vese unha agresividade ben entendida e moita profundidade no xogo. É un campo que aperta moito e no que os xogadores dan ese punto extra”.
O técnico pechou a súa comparecencia transmitindo confianza e tranquilidade:
“Estamos focalizados no traballo, ese é sempre o obxectivo. Os rapaces saben cal é o camiño. A miña única preocupación é o partido de Avilés e conseguir os tres puntos en xogo. Tranquilidade: todos queremos o mellor para o Arenteiro, e imos pelexar por iso ata o final”.



