ARRIBAS: “DAREMOS A NOSA MELLOR VERSIÓN COA NOSA XENTE E EN ESPIÑEDO”
O C.D. Arenteiro prepárase para un novo derbi galego en Espiñedo. Esta fin de semana, o conxunto verdibranco recibe ao Pontevedra C.F., nun encontro de alta intensidade no que, segundo o adestrador Jesús Arribas, “os detalles volverán marcar a diferenza”. Unión, traballo e ambición mestúranse cun sentimento de pertenza que o técnico madrileño quere trasladar ao seu vestiario e á grada.
“A semana comezou complicada despois de Mérida. Todo o que podía saír mal, saíu”, recoñeceu Arribas. “Tratamos de facer un partido completo, con protagonismo, pero non foi suficiente. Sabemos como vai esta liga: cando encaixas, sempre é unha losa difícil de superar”.
O adestrador destacou a capacidade de reacción do grupo, que fixo autocrítica e busca dar un paso adiante ante a súa afección:
“O equipo mirouse á cara, fixo moita autocrítica. Necesitamos esixencia máxima. Temos a oportunidade de avanzar, con moitos mozos que queren gañar o seu posto e veteranos que nos deben dar poso. O domingo podemos reivindicarnos coa nosa xente”.
A pesar das baixas, Arribas confía na implicación total dos seus xogadores:
“Temos baixas importantes, e iso nótase. O número de efectivos e alternativas afecta á estratexia operativa e á competitividade interna. Pero non hai desculpas: os xogadores están preparados para competir e mellorar resultados. O corpo técnico está traballando ao máximo para sacar todo o que temos”.
En canto ao parte médico, o técnico deu actualizacións importantes:
“Mingo completou a semana, pero tivo un percance antes do último partido; vai probarse, non é seguro. Ferreiro entrará na convocatoria. Non queremos precipitarnos con Mingo. Solís segue con molestias na xeonllo operado e Jaume está no tramo final da recuperación. Son xogadores chamados a ser importantes e necesitamos que cheguen ao cen por cen”.
Arribas insistiu en que o equipo debe recuperar a solidez e competir con máxima concentración:
“Desde o peche do mercado só perdemos dous partidos, pero non é suficiente. Queremos mellorar, competir mellor, recuperar esa solidez defensiva. En Mérida pecamos de falta de rigor nas áreas. Con esa lección aprendida, queremos vivir cada acción ao máximo, sen relaxarnos nin un segundo”.
O técnico destacou tamén a motivación que supón un derbi deste calibre:
“A activación é clave. O equipo deu un paso adiante, a motivación está polas nubes. Que mellor que facelo nun derbi. En Espiñedo estamos fortes e imos demostralo”.
Sobre o rival, Arribas advertiu:
“O Pontevedra cre e vai ata o final. É un equipo con alma. Pero a clave está en nós. Temos que competir de principio a fin como eles. As diferenzas son mínimas: quen compita mellor e aproveite mellor o encontro levará o premio. As transicións e as activacións en momentos clave serán determinantes. Responsabilidade e atención para gañar o domingo”.
O C.D. Arenteiro afronta así unha das citas máis especiais da tempada, coa intención de reconciliarse co triunfo ante a súa xente, reafirmando o espírito de unión e compromiso que define ao proxecto.
Podes ver a previa completa na nosa canle de Youtube:



