O adestrador do CD Arenteiro, Juanfran García, compareceu na previa do encontro desta fin de semana en Pamplona fronte ao CA Osasuna B, nun duelo directo marcado pola necesidade de puntos de ambos conxuntos.
O técnico verde explicou que a semana estivo condicionada polo calendario e o desprazamento: “Foi unha semana curta, cunha viaxe longa por diante, polo que intentamos coidar moito as cargas”. Neste sentido, destacou que o equipo realizou sesións “máis intensas, pero non tan longas”, incidindo especialmente no aspecto mental.
Tras o último encontro, o grupo centrouse en corrixir erros e virar a páxina canto antes: “Analizamos o partido, sacamos aprendizaxes e xa estamos enfocados no seguinte compromiso”. Juanfran é consciente da esixencia do rival e do escenario: “Sabemos que nos imos atopar un partido moi complicado, importante para os dous equipos”.
Sobre o filial navarro, o preparador destacou a súa competitividade: “É un equipo novo, pero compite moi ben. Ademais, teñen ese plus de que o seu rendemento pode levalos ao primeiro equipo”.
No plano táctico, o Arenteiro buscará ser un conxunto sólido: “Queremos ser un bloque forte, xogar en poucos metros e controlar as transicións”. Neste sentido, advertiu do perigo do rival: “Fan dano ao espazo e en situacións de contraataque, teremos que estar moi atentos”.
O equipo contará con baixas importantes por sanción, aínda que o técnico amosouse confiado na resposta do grupo: “Temos plena confianza nos xogadores que entren no seu lugar. Esta plantilla está preparada”.
Juanfran tamén puxo o foco na importancia de competir cada acción do partido: “Temos que ser fortes e saber aproveitar as nosas oportunidades. Hai momentos do xogo nos que debemos facer dano e temos que estar preparados”.
Nun contexto clasificatorio esixente, o míster insistiu no traballo mental do grupo: “Sabemos a situación na táboa, e por iso estamos incidindo moito en competir ata o final en cada partido”.
Por último, destacou o compromiso do equipo e a unidade no club: “O equipo está a cumprir desde o primeiro día, ao máximo nivel. Non hai ningunha queixa en canto a actitude e traballo. Ademais, a comunicación co club é constante, todos estamos na mesma liña para sacar isto adiante”.


