Saltar al contenido
Portada » Novas » Duro correctivo para un CD Arenteiro que se volve de balde do José Fouto

Duro correctivo para un CD Arenteiro que se volve de balde do José Fouto

Duro correctivo para un CD Arenteiro que se volve de balde do José Fouto

O equipo verde finalizou cunha derrota (3-1) a súa visita á AD Mérida, nun encontro protagonizado por Álvaro García e os seus tres goles a favor do conxunto estremeño. Os de Arribas remataron con 10 xogadores pola expulsión de Dani González.

O Club Deportivo Arenteiro visitaba o Romano José Fouto coa misión de competir fronte a un dos rivais chamados a grandes xestas nesta tempada. Con modificacións importantes no once, os de Arribas saían ao verde cunha estrutura xa coñecida, e coas novidades principais de Dani González na media punta e Ochoa en ataque, na procura do tesouro dos puntos en territorio hostil.

Comezaba con altas dificultades o encontro para os visitantes, cando Álvaro García, ao minuto de xogo, xa adiantaba aos galegos no marcador. A partir de aí, a primeira metade ofrecería opcións en ambas porterías, con alternativas para os verdes, combinadas con boas intervencións de Diego García ante as acometidas branquinegras.

Producíase unha contraposición de estilos sobre o terreo de xogo, co equipo galego tratando de dominar unha posesión repartida, a través dun esquema de liñas xuntas e con grandes esforzos na limitación das liñas de pase rival. Con bos prantexamentos, gran traballo táctico e un notable despregue físico —aínda que sen fortuna nos metros finais—, a primeira parte esvaecíase con vantaxe local, que estivo a piques de ampliarse co balón ao longueiro enviado por Chiqui.

A segunda metade comezaba con forzas renovadas para os de Arribas, que conseguían achegar opcións tamén a balón parado na procura da forza rematadora dos seus homes en zona crítica. Pese a todo, de novo Álvaro García aplicaría a súa lei sobre o verde, rematando un envío de Chiqui para conseguir o segundo tanto da tarde no marcador estremeño.

O traballo e a insistencia visitantes terían premio no gol de Diego Moreno, tras asistencia de Ochoa, que recurtaba distancias no marcador e achegaba as opcións dun Arenteiro que se situaba a un só tanto da igualada. Un logro merecido e xusto a tenor do visto sobre o campo e dos esforzos dun bloque que en ningún momento lle perdeu a cara ao partido.

A partir de aí, chegaría unha cascada de malas novas para o equipo do Carballiño, que non só vería como Álvaro García completaba o seu hat-trick da tarde cun novo tanto, senón que ademais se vía obrigado a recompoñer o esquema, o debuxo e os esforzos tras a expulsión por dobre amarela de Dani González.

A saída do cántabro do terreo de xogo deixaba ao equipo verde con dez xogadores nun contexto complexo e esixente a partes iguais. A entrada de Adilson e o debut de Fer Iglesias en punta de ataque sumaban esforzo e pernas a un bloque que seguiría buscando a súa oportunidade fronte ao marco romano.

Pese ao traballo e á vontade demostradas, a fortuna e o acerto foron esquivos esta tarde a un equipo que o intentou con todo, pero que non puido obter rédito ningún da súa visita ao feudo estremeño. Os de Arribas finalizaban así un compromiso que castigou severamente os intentos do cadro visitante por acadar o premio dos puntos.

Noticias relacionadas