O CD Arenteiro caeu por dous goles a cero fronte ao Deportivo Guadalajara nun encontro igualado e marcado pola efectividade local nas áreas
O Club Deportivo Arenteiro visitaba o Pedro Escartín nun novo compromiso ligueiro marcado polas numerosas variacións no once inicial. Juanfran García introducía cambios na aliñación coa entrada de Álex López, Luca Lohr, Kandoussi e Nacho Ramón, nun equipo que buscaba competir con personalidade ante un rival sólido no seu feudo. Os verdes saían ao céspede con intensidade e boas sensacións, protagonizando uns primeiros minutos dinámicos e con chegadas perigosas sobre a área local.
O encontro desenvolvíase cun ritmo alto e constantes transicións entre ambos equipos, nun duelo aberto e de alternativas. O Deportivo Guadalajara acabaría atopando o primeiro tanto no minuto dezaoito, cando Kike aproveitaba unha acción ofensiva para adiantar ao conxunto manchego. O gol non alterou o plan dos de Carballiño, que reaccionaron buscando o empate a través de balóns directos e accións rápidas sobre área rival.
O CD Arenteiro reclamaba un posible penalti favorable nun dos momentos máis protestados da primeira metade, nun tramo no que tamén sería anulado un gol a Nacho Ramón. Os verdes mantiveron a súa proposta ofensiva e competiron de ti a ti ante un rival acertado nos momentos clave do encontro.
Xa no tempo engadido da primeira metade, o Deportivo Guadalajara ampliaría vantaxe tras unha recuperación en saída de balón que finalizaría cun penalti transformado por Pablo Muñoz. Acción discutida polos xogadores visitantes e que deixaba o marcador nun complicado dous a cero antes do descanso.
A segunda metade mantivo un escenario de ida e volta, con ocasións claras para ambos conxuntos e moita igualdade sobre o céspede. O CD Arenteiro buscou reducir distancias a través das incorporacións desde o banco e dunha maior presenza ofensiva, mentres o conxunto local tamén atopaba espazos ao contragolpe.
Juanfran introducía cambios coa entrada de Eliseo, Dani González, Adilson e Molina para refrescar o equipo nun tramo final aberto e con oportunidades nas dúas áreas. Pese ao esforzo realizado polos verdes ata o asubío final, o marcador xa non se movería e os puntos quedarían finalmente no Pedro Escartín.


