Derrota dun CD Arenteiro que sucumbiu por catro goles a cero ante o CP Cacereño.
Mañá de choiva en Espiñedo para dirimir o duelo entre Arenteiro e Cacereño, nun dos enfrontamentos directos pola permanencia. Os de Carballiño saltaban cun once tipo coa misión de buscar a tan ansiada vitoria fronte ao conxunto estremeño.
Bos primeiros minutos para os locais, con varias chegadas por costados a través de centros cruzados para xerar ocasións na área rival. Mingo, nun bo remate tras envío aéreo, e Moreno, con varias incorporacións pola esquerda culminadas en perigosos centros, lideraban a iniciativa ofensiva do Arenteiro fronte a un rival correoso e ordenado.
Co paso dos minutos, o encontro foi equilibrándose, e o Cacereño adiantaba posicións, xerando perigo especialmente no xogo aéreo. A sucesión de envíos e remates puxo a proba a solidez da defensa e do porteiro local. Co cambio obrigado de Chuca e a entrada de Bastida, o equipo gañaba en percorrido e cobertura de espazos.
Traballo intenso de ambos conxuntos, con Ferreiro e Palacín como eixes do xogo e homes máis destacados en cada bando. A iniciativa mantíñase do lado local, cun ritmo de partido en aumento e cun Arenteiro cada vez máis ordenado e rigoroso a nivel táctico, o que permitía chegar ao descanso co empate inicial.
A segunda metade traería as peores novas para o CD Arenteiro. Tras un inicio igualado, chegarían os goles do CP Cacereño. Ajenjo, desde o punto de penalti nunha acción moi axustada, e Barrio, aproveitando un balón na área, ampliaban a vantaxe visitante nos primeiros vinte minutos do segundo acto.
Xerro de auga fría para os de Juanfran, que vían como o traballo realizado na primeira metade quedaba sen premio. Alpha, Nacho Ramón e Molina entraban no terreo de xogo para tratar de sumar esforzos nun contexto xa complicado.
O empuxe dos locais non atoparía recompensa e, pola contra, sería o Cacereño quen aumentaría a súa vantaxe con dous tantos máis, pechando o encontro. Esforzo e entrega dos de Carballiño que, sen fortuna, remataban o partido cun resultado excesivo para o visto sobre o céspede.


