Saltar al contenido
Portada » Novas » Juanfran: “O máis importante é estar unidos nun momento tan complicado coma este”

Juanfran: “O máis importante é estar unidos nun momento tan complicado coma este”

Juanfran: “O máis importante é estar unidos nun momento tan complicado coma este”

O adestrador do CD Arenteiro, Juanfran García, compareceu na previa do encontro desta semana fronte ao CD Guadalajara, nun contexto especialmente complexo tras consumarse o descenso de categoría. O técnico verde puxo o foco no aspecto anímico e na necesidade de manter unido ao grupo nestes momentos difíciles.

“Intentamos adaptarnos anímicamente da mellor maneira posible despois do golpe”, explicou Juanfran, recoñecendo a dureza da situación: “Asimilar o descenso doe, e ata que pasan uns días non acabas sendo consciente de todo”.

O preparador destacou o traballo realizado estes días co vestiario: “O importante agora é acompañar ao futbolista, estar preto del e traballar desde a perspectiva da persoa”. Neste sentido, agradeceu tamén a comprensión recibida por parte da afección: “A xente entendeu que os rapaces o están dando todo, pese ao difícil que foi este ano”.

Juanfran incidiu nas dificultades coas que afronta o equipo este encontro: “Non é igual competir nunhas circunstancias ca noutras. Temos bastantes baixas e viaxaremos co xusto”. Entre as ausencias confirmadas están Jordan, Chuca, Lasure e Mingo, mentres que Bastida e Eliseo chegan entre dúbidas físicas.

Sobre o rival, o técnico espera un partido esixente desde o inicio: “O CD Guadalajara vai saír moi forte, e nós temos que competir ao máximo desde o minuto un para poder facerlles fronte”.

Nun momento delicado, Juanfran puxo en valor a implicación do grupo durante toda a temporada: “Os xogadores tiveron o valor de aguantar, competir e dar a mellor versión posible nun curso moi complicado”. Ademais, quixo destacar o apoio da afección: “Cando as cousas van ben é fácil estar, pero o xogador agradece moito máis a presenza da xente nas situacións difíciles”.

O técnico tamén fixo referencia ás palabras de Jordan tras o último encontro: “Expresou o sentimento do equipo e da plantilla. Hai que respectar esas palabras, porque quen non o faga descoñece as circunstancias reais que vivimos”.

Por último, Juanfran deixou clara a intención do equipo nestas últimas xornadas: “Imos loitar pola imaxe e polo prestixio do club ata o final. Agora mesmo, o máis importante é manternos fortes mentalmente e seguir unidos”.

Noticias relacionadas