O adestrador do CD Arenteiro, Juanfran García, compareceu na previa do encontro deste domingo en Espiñedo fronte ao CP Cacereño, nun duelo marcado pola esixencia clasificatoria e pola necesidade de sumar tres puntos que dean unha alegría á afección.
O técnico verde foi claro ao analizar o momento do equipo: “Non enganamos a ninguén, sabemos que o descenso é unha posibilidade, pero iso non nos trastoca. No partido imos buscar darlle unha satisfacción á nosa xente”.
Juanfran incidiu na importancia do compromiso colectivo: “Os xogadores teñen que apertar ao máximo. A vitoria pasa polo traballo de todos e por demostrar, unha semana máis, a profesionalidade deste grupo”.
Sobre o rival, destacou a súa versatilidade táctica: “O Cacereño ten variedade de sistemas e sabe adaptarse ás diferentes fases do partido”. Ademais, advertiu do seu potencial ofensivo: “É un equipo que se apoia moito nas transicións e no xogo directo aos seus puntas. Temos que estar xuntos e competir ben, pese á súa envergadura”.
O preparador verde sinalou as claves do encontro: “Vixilancias, marcas e sentido táctico van ser fundamentais. Non podemos baixar nin un punto a nosa competitividade nin o noso compromiso”.
Nun contexto complicado, Juanfran puxo en valor a resposta do equipo: “A situación clasificatoria pesa no día a día, pero a xente está respondendo moi ben. Sempre competimos, aínda que non conseguimos cambiar a dinámica como queriamos”.
O técnico tamén fixo referencia ao contexto do club, amosando confianza: “Os problemas están aí, pero en canto se poidan resolver, farase. Nós seguimos centrados en competir e en dar o máximo”.
En relación á portería, confirmou que haberá rotación nestes últimos encontros: “Falei con Diego e trasladóuselle que outro compañeiro merece a oportunidade de xogar. Non hai ningún problema nese sentido”.
Por último, Juanfran quixo enviar unha mensaxe á afección: “Sabemos que sempre están con nós. Pedímoslles que veñan o domingo, porque o equipo vai defender o escudo ata o final e sairá a por todo”.


