O encontro rematou con empate a un grazas aos tantos de Merino e de Bilal.
O Club Deportivo Arenteiro chegaba a Lasesarre coa necesidade de obter rédito na visita a un dos feudos máis complicados da categoría. Os de Juanfran García saltaban ao verde coa principal novidade de Chuca na punta de ataque e coa reaparición como titular de Gorka Pérez no eixe da zaga.
Primeiros minutos moi competidos, cun Barakaldo forte nas disputas e rápido nas transicións. O partido pronto amosaría a capacidade goleadora dos locais, cando Sabin Merino aproveitaba un bo envío ao corazón da área para bater a Diego e conseguir o primeiro tanto da tarde.
O gol esporeou aos visitantes, que comezaban a recuperar terreo a través de rápidas combinacións e ataques dirixidos por ambos costados. Nunha rápida internada pola banda dereita, un perigoso centro de Jordan caía nos pés de Bilal, que superaba ao meta rival cun disparo colocado de dereita. Gol merecido e premio a unha igualada buscada e traballada polos de Carballiño.
A segunda metade inclinou a balanza cara o lado visitante, con máis e mellores ocasións e chegadas, a través dunha boa construción e finalización por bandas con velocidade e precisión.
Partido de ida e volta, con protagonismo para os duelos individuais, no que os recambios de Daniel González, Adilson, Molina e Eliseo achegaban osíxeno e enerxía a unha batalla sen tregua na que o ritmo era protagonista.
As mellores ocasións correron do lado visitante, especialmente polas internadas pola banda esquerda con centros ao corazón da área que estiveron a piques de dobrar a vantaxe no marcador para o equipo verde. Ocasións claras e un gran traballo de equilibrio entre ataque e defensa mantiveron vivas as opcións dun equipo que buscou a vitoria ata o final.
A expulsión por dobre amarela de Lasure obrigou aos de Juanfran a xogar en inferioridade numérica nos últimos minutos dun encontro no que o Arenteiro mereceu mellor sorte.


