Saltar al contenido
Portada » Novas » Esforzo sen recompensa e desenlace amargo en Espiñedo

Esforzo sen recompensa e desenlace amargo en Espiñedo

Esforzo sen recompensa e desenlace amargo en Espiñedo

Derrota en Espiñedo para un CD Arenteiro que loitou ata o final, pero penalizado polos goles encaixados a balón parado. Lasure marcou para os locais.

Día importante en Espiñedo para o CD Arenteiro na súa volta á casa. Duelo fronte ao Arenas Club en busca dunha vitoria sanadora para recuperar sensacións no feudo propio. Once con leves variacións e esquema clásico de Juanfran García para medir forzas ante un rival directo na loita pola permanencia.

Primeiros minutos de alta intensidade, con ambos equipos buscando chegar con velocidade e poucos toques a campo contrario. Co paso dos minutos, o CD Arenteiro amosábase máis elaborador, contemporizando co balón as accións de avance. Bo traballo de equilibrio e ocupación de espazos, con presenza por bandas de Moreno e Jordan, e con Ferreiro exercendo de enganche con Mingo na punta de ataque. Orde e seguridade fronte a un rival poderoso no balón parado e no ataque aos espazos.

Os de Carballiño víanse obrigados a realizar o primeiro cambio neste tramo de encontro, con Eliseo substituíndo ao lesionado Luca Lohr, que se retiraba tras un forte golpe na cabeza.

O desenvolvemento da primeira metade mantivo a igualdade máxima entre ambos conxuntos. Cun CD Arenteiro serio e con chegada, e un Arenas á espera da súa oportunidade, o xogo directo e as disputas convertíanse no escenario principal do encontro. Os locais dispoñían de dúas ocasións claras ao fío do descanso, sendo a máis destacada unha de Mingo que o meta visitante salvaba sobre a liña cunha intervención de mérito que mantiña o empate ao descanso.

A volta de vestiarios traería unha gran noticia para o conxunto verde en forma do primeiro gol da tarde. Nun saque de esquina, Daniel Lasure conectaba un poderoso remate de cabeza que se aloxaba nas mallas con autoridade. Gol merecido e vantaxe momentánea para quen máis o estaba buscando.

O tanto esporeaba ao equipo, que vía recompensado o seu traballo nun momento clave do encontro. Porén, a vantaxe non duraría moito, e dez minutos despois, Vizcay igualaba a contenda cun novo remate a balón parado.

O tramo final non sería favorable para un CD Arenteiro que volvería verse castigado nunha acción similar. Tras outro saque de esquina, o rexeite caía nos pés de Troncho, que cun disparo cruzado superaba a Diego. Xerro de auga fría para os locais, que vían como, pese ao esforzo realizado, o premio dos puntos se escapaba nos últimos compases dun encontro cun final amargo en Espiñedo.

Noticias relacionadas