Saltar al contenido
Portada » Novas » A reacción do Arenteiro non chega para puntuar en Salamanca

A reacción do Arenteiro non chega para puntuar en Salamanca

A reacción do Arenteiro non chega para puntuar en Salamanca

O CD Arenteiro caeu por tres goles a un ante Unionistas no Estadio Reina Sofía, nun partido no que os locais amosaron maior acerto nas áreas.

O conxunto de Carballiño saía ao terreo de xogo coa intención de competir e disputar os puntos ante un rival necesitado de resultados. Porén, o inicio resultou adverso para os intereses verdes. Unionistas golpeaba cedo, adiantándose no marcador cun remate de cabeza de Artola tras un centro lateral, nunha acción na que os locais demostraban contundencia na área.

Co paso dos minutos, o Arenteiro foi medrando no encontro, gañando presenza con balón e equilibrando o dominio inicial do conxunto salmantino. Unha falta lateral executada por Diego Moreno xeraba unha das ocasións máis perigosas para os visitantes, que comezaban a atopar vías de aproximación á área rival. A igualdade no xogo era xa evidente, cun equipo verde máis asentado e decidido a buscar o empate.

Con todo, o partido volvería complicarse no tramo final da primeira metade. Primeiro, coa expulsión de Cuéllar desde o banco por protestas ao colexiado, e pouco despois, cun gran gol de Piñán, que colocaba o balón na escuadra tras unha recuperación e asistencia previa, ampliando a vantaxe local antes do descanso.

Tras o paso polos vestiarios, o Arenteiro tratou de dar un paso adiante. Juanfran introducía cambios para reactivar ao equipo, que buscaba recortar distancias a través de maior presenza ofensiva e presión sobre a saída rival. O encontro entrou nunha fase de poucas ocasións claras, con moita disputa e interrupcións no xogo.

Sería no tramo final cando chegaría a reacción verde. Nun centro ao segundo pau, o Arenteiro conseguía recortar distancias, levando o balón ao fondo da rede e reabrindo o encontro. O gol de Bastida xeraba incerteza no ambiente e impulsaba aos visitantes na procura da igualada.

Porén, cando o equipo buscaba con insistencia o empate, Unionistas atoparía a sentenza xa no tempo engadido. Chibozo, nunha acción individual, superaba á defensa e anotaba o terceiro tanto, pechando definitivamente o partido.

O CD Arenteiro pelexou ata o final e mostrou capacidade de reacción, pero a eficacia do rival e os momentos clave do encontro acabaron decantando o resultado a favor do conxunto local.

Noticias relacionadas