Saltar al contenido
Portada » Novas » Sen premio na visita ao Ruta de la Plata

Sen premio na visita ao Ruta de la Plata

Sen premio na visita ao Ruta de la Plata

O CD Arenteiro caeu pola mínima ante o Zamora CF nun encontro moi igualado ata o final. Mingo tivo a oportunidade de empatar desde o punto de penalti, pero o seu lanzamento estrelouse no longueiro.

O conxunto de Carballiño chegaba ao Ruta de la Plata coa intención de disputar os puntos en xogo ante un dos equipos chamados a pelexar polos postos altos da táboa. Os primeiros minutos estiveron marcados polo traballo intenso dun Arenteiro vertical e incisivo, con David Ferreiro e Cuéllar como principais referencias ofensivas polos costados. O ritmo do encontro foi elevado, con aproximacións en ambas áreas fronte a un rival ordenado, sólido nas transicións e con Kike Márquez como principal eixo no xogo ofensivo.

A primeira metade desenvolveuse con velocidade e con accións nos dous lados do campo. Os de Juanfran trataban de xerar un xogo fluído, buscando chegadas á área rival con poucos toques e rapidez nas combinacións. Pese aos intentos dos verdes, o primeiro tempo remataría co marcador inicial e todo por decidir para a segunda metade.

Tras o descanso, o encontro recuperaba o ritmo dos primeiros compases. Coa entrada de Mingo ao terreo de xogo, o Arenteiro adiantaba a súa liña de presión sobre a saída de balón do rival. O inicio do segundo acto puxo a proba a solidez e o plan de partido dun equipo que resistía os momentos de empuxe local mentres trataba de atopar as súas opcións mediante chegadas rápidas e acumulación de efectivos en zonas de perigo.

Juanfran introducía tamén cambios coa entrada de futbolistas como Alpha, Bilal ou Chuca, buscando frescura e enerxía para afrontar o tramo decisivo do encontro. Con todo, sería o Zamora quen lograría adiantarse no marcador tras un bo remate de cabeza a centro lateral, complicando o panorama para os visitantes.

A pesar do golpe, o Arenteiro dispuxo dunha oportunidade clara para igualar o encontro. Un penalti a favor permitía a Mingo intentar o empate, pero o seu lanzamento atopaba o longueiro e evitaba o tanto verde.

O marcador xa non se movería ata o asubío final, deixando unha derrota amarga para un Arenteiro que competiu ata o último momento e que non atopou o premio ao seu esforzo.

Noticias relacionadas