O CD Arenteiro sumou un punto en Espiñedo tras empatar ante o Real Madrid Castilla nun encontro no que os verdes fixeron méritos para lograr un premio maior. Mingo e Moreno anotaron os tantos locais nun duelo que acabou en táboas.
O conxunto de Carballiño regresaba a Espiñedo coa estrea de Juanfran García á fronte do equipo. Os verdes presentaban novidades tanto no banco como no sistema, apostando por unha estrutura con tres centrais, carrileiros polas bandas, un bloque de tres no mediocampo con enganche e Mingo como referencia ofensiva. En fronte, un Real Madrid Castilla ordenado e incisivo desde o inicio, decidido a facer dano aproveitando os espazos coa velocidade dos seus homes de ataque.
A primeira metade desenvolveuse cun reparto de ocasións entre ambos conxuntos, aínda que era o Arenteiro quen buscaba con máis insistencia a área rival. Porén, serían os visitantes quen se adiantarían no marcador tras unha acción a balón parado na que Mario Rivas conseguía o primeiro tanto. O golpe non afectou ao cadro verde, que reaccionou de inmediato. Pouco despois, Mingo establecía a igualada tras aproveitar un potente centro de Moreno, un dos xogadores máis destacados dos locais durante o primeiro tempo.
Tras o descanso, o Castilla asumiu máis protagonismo no xogo e xerou as aproximacións máis perigosas ante un Arenteiro ben organizado, sólido no peche de espazos e atento nas tarefas defensivas. O traballo dos de Juanfran mantivo ao equipo competitivo, cun esquema equilibrado que permitía defender con orde e atacar con decisión, especialmente polas bandas.
Nese contexto chegaría o segundo tanto verde. Nunha acción a balón parado executada por Moreno, o balón terminou no fondo da rede sen atopar rematador polo camiño, sorprendendo á defensa visitante e facendo xustiza ao esforzo local.
A partir dese momento, o técnico verde introduciu cambios para manter a intensidade do equipo, dando entrada a Nacho Ramón, Alpha, Dani González, Ferreiro e Cuéllar ao longo da segunda metade, buscando frescura e máis presenza ofensiva nun encontro moi esixente.
Cando o Arenteiro parecía ter o partido encamiñado, a mala fortuna apareceu no tramo final. Case no límite do encontro, o Real Madrid Castilla lograba o gol da igualada, establecendo un empate que xa non se movería ata o asubío final.
Un desenlace agridoce para un Espiñedo entregado e para un Arenteiro que competiu con personalidade e fixo méritos suficientes para quedarse cos tres puntos.


