Saltar al contenido
Portada » Novas » Presentación oficial de Chuca, Lasure, Molina, Kandoussi e Álex López en Espiñedo

Presentación oficial de Chuca, Lasure, Molina, Kandoussi e Álex López en Espiñedo

Presentación oficial de Chuca, Lasure, Molina, Kandoussi e Álex López en Espiñedo

O Municipal de Espiñedo foi o escenario escollido para a presentación oficial das novas incorporacións do CD Arenteiro. Chuca, Lasure, Molina, Kandoussi e Álex López viviron o seu primeiro acto como xogadores verdes nun evento no que estiveron acompañados polo director deportivo da entidade, Joan Farías, quen analizou o perfil e a achega de cada un deles de cara ao tramo decisivo da tempada.

Joan Farías destacou o equilibrio buscado neste mercado de incorporacións, combinando xuventude, experiencia e calidade: “Traemos xogadores que nos poden axudar moito. Hai perfís distintos que veñen compensar necesidades claras do equipo”. Sobre Álex López, Farías sinalou a súa versatilidade no mediocampo, mentres que de Kandoussi subliñou a súa capacidade no un contra un, velocidade e calidade, lembrando tamén o esforzo realizado polo futbolista para recalar no club. Do extremo Molina destacou o seu talento e proxección, mentres que de Chuca puxo en valor o seu amplo currículo e visión de xogo. No caso de Lasure, Farías salientou a súa traxectoria no fútbol profesional e o valor engadido que supón ao bloque defensivo.

Pola súa banda, Kandoussi amosou a súa ilusión desde o primeiro momento: “Cando xurdiu a opción de vir aquí non o pensei. É un salto de categoría e atráeme moito o proxecto. Gústame xogar pola esquerda, pero adáptome ao que o equipo necesite”. O extremo destacou tamén o bo ambiente do vestiario e a esixencia dun grupo unido.

Molina definiuse como un xogador desequilibrante e asociativo, con ganas de axudar en ataque e sumar ao colectivo. O novo futbolista verde incidiu na fortaleza do vestiario e na importancia do clima interno para afrontar unha situación competitiva esixente.

Álex López puxo o acento na experiencia e na importancia do último triunfo: “Gañar era moi importante. A vitoria axuda a todo e facilita o crecemento do equipo. Hai un gran vestiario e temos que seguir dando pasos cara adiante”.

Chuca amosouse agradecido pola acollida recibida e comprometido co proxecto: “Quero aproveitar cada minuto e achegar o meu gran de area. Temos que seguir traballando unidos, partido a partido. A humildade do grupo é clave”. Ademais, destacou o papel da afección como un factor diferencial en Espiñedo.

Pechou a quenda de intervencións Lasure, quen incidiu na fortaleza mental e no compromiso colectivo: “Se o bloque está unido, imos sacar calquera situación adiante. Se damos un plus, o nivel de adestramentos e partidos vai subir, e iso notarase”.

Un acto que serviu para presentar oficialmente cinco novas pezas dun CD Arenteiro que encara con ilusión, ambición e unidade o tramo decisivo da tempada.

Noticias relacionadas