Saltar al contenido
Portada » Novas » Previa / J. Arribas / C.D. Arenteiro – Unionistas de Salamanca

Previa / J. Arribas / C.D. Arenteiro – Unionistas de Salamanca

Previa / J. Arribas / C.D. Arenteiro – Unionistas de Salamanca

Arribas: “Enfocámonos en que a nosa xente estea orgullosa do traballo do equipo”

Na previa do primeiro encontro en Espiñedo, o adestrador do CD Arenteiro, Jesús Arribas, compareceu en rolda de prensa para analizar o partido ante Unionistas e transmitir as sensacións dun grupo que chega con moita ilusión ao debut como local.

“Temos moitas gañas de debutar na casa. Os rapaces queren reivindicarse, o grupo buscará a súa mellor versión, seguro”

— Jesús Arribas

Arribas mostrouse satisfeito co peche do mercado e co rendemento do plantel: “Temos unha gran plantilla, enfocámonos en preparar partidos e en conectar aos xogadores que temos. A incorporación de Luis como segundo adestrador é moi positiva, é alguén da casa e súmase a un corpo técnico que cumpre moitas funcións”.

O técnico destacou a dificultade do encontro fronte ao Unionistas, un rival que chega con identidade propia: “Non creo que teñan a peor plantilla, nin moito menos. Queren reivindicarse e será un partido difícil que nos obriga á mellor versión. Agardamos calidade, intensidade e moitos duelos”.

En referencia ao último encontro, recoñeceu erros e melloras: “O partido foise en cuestión de minutos, e iso fala da igualdade desta categoría. Fixemos un axuste importante en defensa na segunda parte e melloramos. Hai cousas que pulir, pero seguimos medrando”.

Arribas incidiu tamén na necesidade de ser máis valentes co balón e de conectar coa afección: “Temos que ensinar o noso mellor fútbol. É unha gran oportunidade para demostrar cousas diante da nosa xente. Queremos que o afeccionado vexa que quen viste esta camiseta busca sempre os tres puntos con todo”.

Preguntado polo estado físico do equipo, explicou que Jaume continúa coa súa recuperación, aínda que confía plenamente no resto do plantel: “Temos xogadores preparados para axudar. Estamos convencidos do grupo que temos”.

Con respecto ao mercado de fichaxes, sinalou que o peche supuxo alivio e claridade: “Unha vez pechado, a sensación é de liberación e seguridade. Agora só importa enchufar á xente e definir a estratexia”.

“A mensaxe é claro: isto é un camiño longo e estamos medrando cada día. A unión fai a forza. Queremos un equipo valente, protagonista con balón e agresivo sen el. Estamos centrados en gañar este domingo, só importa iso”

— Jesús Arribas

O Arenteiro afronta así a estrea en Espiñedo cun obxectivo claro: brindar unha vitoria á súa afección e consolidar a súa identidade competitiva nesta nova tempada.

Podes ver toda a rolda de prensa na nosa canle de YouTube:

Noticias relacionadas