Vitoria amplia do CD Arenteiro (3-0) fronte á UD Ourense
O CD Arenteiro chegaba ao seu feudo para disputar o primeiro encontro da pretempada en Espiñedo, no habitual Trofeo Festa do Pulpo da entidade verde.
O rival, unha UD Ourense que chegaba ao estadio carballiñés con todo para buscar a vitoria.
Os de Arribas saltaban cun once tipo formado por Diego, Jordan, Gorka, Eliseo, Moreno, Aguza, Brais, Ferreiro, Cuéllar, Romera e Mingo, e coa intención clara de procurar as opcións ofensivas dende o asubío inicial.
Boa saída dos locais, cunha ocasión clara de Ferreiro nun lanzamento de falta que non atopou portaría por centímetros. Despois disto, ocasións para o conxunto rival, con Rufo como referencia, e Jaichenko e Noel como executores de sendos remates de alto perigo cara a gol.
O paso dos minutos traería a versión máis ofensiva dos de Arribas, con apertura ás bandas e acumulación de homes en áreas de remate. Mingo e Romera sumaban traballo na presión, e Ferreiro exercía de guía na medular para buscar os espazos interiores e o camiño ao gol. Bo traballo de equilibrio en ataque e defensa, e bloque alto para atopar con velocidade ocasións preto da meta de Rielo.
Cuéllar e Romera rozaron o gol en dúas ocasións ás que só lles faltou o derradeiro remate para adiantar ao cadro verde.
O inicio da segunda metade traería o primeiro gol dos de Arribas. Oportunidade que remata nun primeiro intento Romera, e cuxo rexeite aproveita Cuéllar, que non perdoa fronte á portaría rival. Primeiro tanto que premiaba o mellor partido dos locais e a súa ambición por gañar. A continuación, sería Mingo o encargado de conseguir o gol, transformando un lanzamento de penalti executado á perfección. Segundo tanto para o CD Arenteiro e dobre vantaxe, algo moi merecido tras o visto sobre o terreo de xogo.
Dani Romera pecharía a conta local cun gran cabezazo, colocando con precisión o balón nas redes da portaría rival.
Magnífica execución e terceiro gol para o CD Arenteiro. Tarde de grandes actuacións que completaría Alvin Abajas detendo un penalti, acción coa que se confirmou a vitoria do equipo local e o seu triunfo como gañador do Trofeo Festa do Pulpo.