O CD Arenteiro caía por dous goles a cero nun derbi provincial decidido polo acerto dos locais nas áreas.
O conxunto de Jorge Cuesta chegaba a O Couto coa firme intención de disputar os tres puntos en xogo nun escenario de máxima esixencia. Dende o inicio, o encontro desenvolveuse cun marcado sentido táctico, con dúas estruturas ordenadas e un elevado nivel de concentración. Partido de ida e volta, con abundante balón directo e continuas disputas, no que os verdes procuraban impoñerse nas segundas xogadas e controlar os distintos contextos do xogo.
A igualdade foi a nota predominante durante boa parte da primeira metade. As aproximacións reducíanse a envíos frontais e accións a balón parado, nun duelo no que cada detalle podía resultar determinante. A fortuna sería esquiva ao Arenteiro cando, no desenvolvemento do primeiro tempo, un balón elevado sobre a área propia remataba nun cabezazo que superaba a Alvin e adiantaba aos locais no marcador.
Tras o descanso, os de Carballiño ofreceron unha versión máis ofensiva. Os cambios introducidos e o axuste estrutural permitiron gañar profundidade por bandas e presenza en campo rival. Chegadas de segunda liña e centros laterais que xeraban sensación de perigo, aínda que sen atopar o premio do gol.
Mingo dispuxo das ocasións máis claras. Primeiro nun man a man ben resolto por Álvaro Ratón e, posteriormente, nun disparo que atopou de novo resposta do gardameta local. O Arenteiro insistía, acumulaba presenza en campo contrario e mantiña viva a pelexa pola igualada.
Porén, nun encontro de máxima esixencia e marxes reducidas, o acerto volveu inclinar a balanza do lado azul. Martín Ochoa aproveitaba unha acción na frontal da área para establecer o definitivo dous a cero.
Malia o esforzo, o traballo e a vontade competitiva amosada durante os noventa minutos, o marcador non volvería moverse e os puntos quedaban no feudo capitalino.


