Empate sen goles en Espiñedo fronte ao Pontevedra CF, nun partido no que o equipo verde mereceu o triunfo a tenor do visto sobre o céspede.
O CD Arenteiro regresaba a Espiñedo coa misión de competir arduamente polos puntos en xogo. Once de garantías con Diego García na portería; Moreno, Gorka, Lohr e Jordan na zaga; Bastida, Val e Julen Jon no medio campo; e o trío Richarte, Ochoa e De Camargo en ataque, coa intención de derrubar a muralla granate dun Pontevedra CF que chegaba con ambicións renovadas ao derbi.
Os primeiros minutos foron moi intensos, con tentativas para ambos bloques e oportunidades, principalmente polo lado dereito, para un CD Arenteiro incisivo ás costas rivais e con metros para progresar. Bo traballo de equilibrio do bloque verde, que se desempeñaba con eficacia en ataque e defensa, amosando unha gran coordinación colectiva entre liñas. O encontro, de ida e volta en ambos bandos, enfrontaba a dous equipos ben asentados sobre o verde e listos para a disputa continuada.
Co paso dos minutos, o CD Arenteiro amosaba unha versión cada vez máis ofensiva, activo en todas as facetas do xogo e con Richarte e Ochoa como principais estiletes, ameazando as posicións dun Pontevedra CF que medraba a través da inspiración de Yelko Pino e dos envíos longos ás posicións avanzadas dos seus homes de ataque. Con chegadas de nivel en ambas áreas, os equipos encamiñaban o túnel de vestiarios co resultado orixinal e todo por decidir na segunda metade.
O segundo acto abría lume de novo, cun CD Arenteiro capitaneando as ocasións e o xogo ofensivo visto sobre o verde. Ochoa convertíase no protagonista dos mellores achegamentos locais: primeiro, aproveitando unha mala saída do meta rival cunha vaselina que se estrelaba no longueiro; e despois, cun disparo cruzado que saía rozando o poste da portaría granate. Arribas daría entrada progresiva a reforzos durante o período, e así, Llácer, Ferreiro, Iglesias e Aguza sumaban talento e esforzo a unha contenda moi igualada en todos os guarismos.
O tramo final do partido traería un penalti moi reclamado pola parte local —que o colexiado descartaría finalmente— e unha ocasión moi clara para Selma, que Diego García salvaba cunha fantástica estirada. O control do xogo repartíase, aínda que eran os de Arribas quen gozaban das mellores oportunidades de gol, como o disparo de Bastida tras un saque de esquina, que o meta rival evitaba coa intervención da tarde.
O encontro morría na área visitante e deixaba sen premio a un CD Arenteiro merecedor do triunfo sen xénero de dúbidas, que dominou os tramos máis relevantes do partido e ao que só a mala fortuna separou da recompensa dos tres puntos finais.



