Celebración habitual en Espiñedo á espera de certificar un ansiado ascenso (2-1)

A falta de cinco xornadas, o Arenteiro vence unha vez máis e demostra que é un equipo doutra categoría, aínda que terán que esperar aos resultados de Guijuelo e Avilés para seguir cos cálculos. A afección encheu o templo para animar aos verdes. Un gol de Manin antes da media hora de encontro desatou a loucura. Porén, despois de pasar por vestiarios o Burgos Promesas facía o empate. Non podía rematar así a tarde e Ger sentenciou cun golazo por segunda xornada consecutiva.

Previa

O C.D. Arenteiro iniciaba a xornada número 29 cun único obxectivo: gañar o partido contra o Burgos Promesas. A pasada semana foron quen de derrotar ao Compostela e completar unha volta sen perder ningún encontro. No Vero Boquete, reuníronse máis de un milleiro de afeccionados verdes e o resultado mereceuno (1-3). A boa racha dos de Javi Rey anima aos carballiñeses a encher Espiñedo. Desta vez, o club puxo a 5€ as entradas para todos os públicos.

Sobre o ascenso, aínda non podían asegurar nada. A falta de seis xornadas e 18 puntos no aire, o Arenteiro contaba con 15 de vantaxe sobre Guijuelo e Avilés. Cautos pero seguros, os verdes non quixeron preparar ningunha celebración máis que a habitual no templo. Para a súa confirmación como equipo de Primeira Federación avilesinos e guijuelanos non poderían resultar gañadores na tarde de domingo. Con expectación, a afección terá que esperar para completar os cálculos xa que o partido do Avilés empeza as 19:00h.

Espérase que a próxima fin de semana contra o Ourense C.F. no Couto as diferencias sexan maiores. Todos queren celebrar.

O Burgos Promesas atopábase terceiro pola cola ao chegar a terras de dominio do Polbo Mecánico. Nos seus últimos partidos, o resultado foi favorable. Un empate fronte a Ximnástica e vitoria clara ante o Bergantiños CF. Con 21 puntos e fronte ao líder, sabían que a situación non era sinxela.

Primeira parte

Sol, calor, bancadas cheas en Espiñedo e os xogadores preparados para afrontar a recta final da tempada. O partido comezaba cun minuto de silencio na honra de Luis Sobrino, historia do C.D. Arenteiro e figura recordada polos afeccionados.

Coa emoción presente, o coiro rodaba a favor dos verdes. Joseca deixou claras as intencións do líder coa súa velocidade característica e logrou enviar un centro a Cruz que non se materializou en nada máis que un susto para o rival.

Porén, o equipo de Álex Albístegui non se deixaba empequenecer. Un lanzamento de Jiménez foi a primeira das que intentaron xerar os visitantes. Contestou o gardameta do Arenteiro. Diego, e demostrou unha vez máis as súas calidades de xogo aéreo. Case de portaría a portaría, puxo en alerta a Loic.

Un saque de esquina foi a seguinte que aproveitou a Factoría da cabeza de Ricoy sen éxito. Si que o tivo Manín, que pouco despois atrapou un centro dende a dereita con cabeza e decisión. Foi no minuto 22, 1-0 e foi inmensa a celebración.

Pola banda dos visitantes, Marino enviou un balón frouxo e baixo que Diego García evitou sen problema. Non tivo que intervir ante o coiro despois enviado por Molina. Xa o fixo o capitán do C.D. Arenteiro que destacou especialmente no primeiro tempo.

Preto de escoitar o final, Pibe intentou chegar antes que Loic na contra dun saque de curruncho. Sen tempo engadido e cun Arenteiro desafiante por encima no luminoso, marcharon a vestiarios.

Segunda parte

Ao inicio da segunda parte, o carril zurdo do Arenteiro volvía a destacar. Non conseguiu chegar a poñela ante o gardameta francés Loic, pero promoveu un córner que Manín intentou rematar para marcar o segundo. Faltoulle pouco.

O ritmo diminuíu e nunha xogada o coiro acabou en posesión de Molina, que furou a rede de Diego. Chegaba así o empate no minuto 66. A afección verde respondeu da mellor forma posible, deixándose a gorxa en cada “vamos Arenteiro, vamos chavales”.

Javi Rey, que observaba dende o banquillo a situación, xa propuxera tres cambios antes do gol do rival. Efectuáronse despois deste. Pol Bueso, Curro e David Álvarez entraron ao terreo de xogo para outorgarlle unha nova dinámica ao encontro. O chegado do Guimaraes, pronto atacou. O seu disparo foi demasiado alto.

O Burgos Promesas non llo poñía fácil ao Arenteiro e un Diego atento continuaba a librar balóns da súa portaría. Porén, a sorte do campión fíxose patente en Espiñedo. Un golazo de Ger chegou no 84. Xa o fixera a pasada xornada e puxo de novo o 3 en pé a toda a bancada, que non podía desprender máis ledicia.

Aínda quedaba media hora de partido e López Pinto non deixou descansar aos verdes ata o último momento. Unha falta perigosa a prol da Factoría rematou no pau sen éxito e o final chegou pouco despois. Soou Princesas de novo, só podía significar unha cousa: vitoria do C.D. Arenteiro

O Arenteiro posúe actualmente 66 puntos. A próxima fin de semana toca derbi termal. Ourense C.F e C.D. Arenteiro veranse de novo as caras no Estadio do Couto. Os verdes xa anunciaron a venda de entradas con posibilidade de autobús para desprazarse. Será unha nova oportunidade para celebrar xuntos.

Palabra de adestrador

O adestrador do Burgos C.F. Promesas, Álex Albístegui , felicitou ao Arenteiro polo seu “ascenso virtual” e puxo en valor o traballo do seu equipo en Espiñedo: “Non podo sentir outra cousa que non sexa orgullo hoxe. Foi un partido igualado ante o Arenteiro que xa é doutra categoría e iso fala do traballo do día a día”.  

Javi Rey, adestrador dos verdes, non encontraba cualificativos para describir o que está facendo o equipo e quixo recordar o feito no pasado: “Non nos podemos esquecer de Fran Justo nin Millán e hai que recoñecer o seu traballo. Pareceríame inxusto non facelo”.

Sobre o partido de hoxe, Javi Rey falou das carencias que viu no campo por parte dos seus esta xornada: “O equipo non estivo ben. Na primeira parte si, pero na segunda estivemos moi largos, transitaba fácil o Burgos, etc.”. Porén, e malia que citou a “sorte do campión”, o adestrador non se quere quedar cos erros e volveu destacar o que está conseguindo o Arenteiro: “Non recordo ningunha tempada de ningún equipo así e isto vai quedar para a historia”.  

Referente ao ascenso, Javi Rey recoñeceu que o van pasar mal esperando resultados do Guijuelo e Avilés, pero afirmou que eles fixeron o que lles correspondía, gañar ao Burgos Promesas. Rematou coa mesma frase que lle di aos xogadores: “o destino ten preparado un final moi bonito e moi feliz para esta tempada”.

FICHA TÉCNICA

C.D. Arenteiro: Diego, Ger, Vitra, Álex Fernández, Escobar, Pibe (Álex Conde, min 86), Cruz (Curro, min 67), Joseca, Manín (Rafa Mella, min 78), Romay (David Álvarez, min 67), Jordan (Pol Bueso, min 67)

Burgos C.F. Promesas: Loic, D. Burgos, P. Bassa, Tito, S. Esteban, A. Molina, Marino, Jiménez (López Pinto, min 53), L. Ricoy, Vertiz (Sergio, min 73), Saúl (Santi Pérez, min 88)

Árbitro: do comité asturiano, Gao Aladro.

Leave a Reply