Marea verde no Vero Boquete e tres puntos para un Arenteiro máis líder ca nunca (1-3)

Os do C.D. Arenteiro conseguiron a vitoria e completaron unha volta sen ningunha derrota despois dunha tempada inmellorable. A S.D. Compostela fora o único equipo contra o que perderan os verdes e nesta xornada cambiaron as tornas. Un gol de Escobar na primeira parte dáballe o empate aos do Carballiño. O segundo, do mesmo autor, chegou no 88. Non quedou aí, o terceiro foi froito da galopada de Joseca en tempo de desconto e un acertado remate de Ger.

Os máis de mil afeccionados do polbo mecánico desprazados ata Compostela xeraron o ambiente que caracteriza ao equipo e celebraron xuntos un triunfo que os coloca con 63 puntos, a falta de 18 por disputar. Cada vez máis preto do ascenso.

Previa

Os do C.D. Arenteiro poñían rumbo a Compostela motivados, ilusionados e como non, líderes. Na capital galega esperáballe un derbi e unha festa do fútbol galego amenizada por unha FAN ZONE. A actuación da orquestra Cinema, xogos infantís, animación…e máis de mil seguidores do C.D. Arenteiro desprazados dende Carballiño ocuparían o Vero Boquete nunha tarde solleira de Domingo de Ramos.

Os de Javi Rey, con 60 puntos e moi preto do ascenso directo, afastábanse no momento do encontro a 12 puntos do Guijuelo, que empatou o sábado ante o Real Oviedo Vetusta e a 14 do seu rival nesta xornada, o Compos. Foi o equipo do estreado Cardeñosa o único que logrou derrotar ao Arenteiro esta tempada ao mando de Fabiano o 20 de novembro de 2022. Porén, a racha dos verdes non pode ser mellor; dos últimos cinco partidos, resultaron vencedores en catro e empataron un.

Nesta xornada, todo o cadro do C.D. Arenteiro estaba dispoñible. Pol Bueso e Mario García, ausentes no pasado encontro, reincorporábanse para o derbi.

A S.D. Compostela xogaba na casa esta fin de semana e contra un dos seus competidores directos. O seu novo adestrador, Cardeñosa, substituía a Fabiano hai un par de semanas. O obxectivo principal do equipo baseábase en acceder ao play off. Non llo poñen fácil os demais da táboa. O Compos podería ser superado polo Real Avilés ou o Valladolid Promesas (a un punto) e outros que veñen máis atrás con opcións de situarse nos postos altos como Marino de Luanco, Rayo Cantabria ou o Oviedo. Os de Cardeñosa acumulaban catro xornadas sen ganar e neste encontro contarían coa falta de Fer Beltrán, Jaime e Damián.

Primeira parte

Os primeiros en chegar ao Vero Boquete de San Lázaro eran os verdes. A afección do C.D. Arenteiro tinguía as bancadas coma se de locales se tratasen. A pesar de estar situados nun dos fondos, facíanse notar.

Cando se iniciou o xogo e malia as ganas que demostraban ambos equipos na súa saída ao campo, pouco tardou en chegar o gol inesperado do Compostela. Foi no minuto tres. Allyson logrou encaixar o coiro na portaría presidida por Diego. Fíxoo cun disparo directo a rede despois dun segundo córner consecutivo dos branquiazuis.

Non baixaron o ritmo os de Javi Rey. Esperábase que sacasen a forza que os caracteriza e a afección empurrounos. Os verdes conseguiron incrementar a posesión e apuntaron cara a área rival. As xogadas a balón parado constituíron varias oportunidades para o C.D. Arenteiro. Un par de faltas tiradas por Álex Fernández amedrentaron ao conxunto local e pasados os 20 minutos, un saque de esquina que intentou rematar Escobar case era cantado gol.

Foi pouco despois cando se cumpriu o previsto. O traballo de Jordan, que loitou contra tres branquiazuis e mandou o coiro cara a área, rematou cun disparo eficiente do dianteiro de Nigrán. Escobar deixaba o empate no luminoso no minuto 23.

A táboas, o Compos tratou de sobrepoñerse ante un Arenteiro que crecía no Vero Boquete. A media hora de encontro xa se percibía un ritmo elevado no partido. Parapar acababa no chan tras un contacto con Joseca e pouco despois Jordan (do Compos) queixábase dun golpe de Adri Cruz na faciana. Non o considerou relevante o colexiado, que decidiu non interromper o xogo en ningún momento.

Os visitantes demostraban a súa superioridade e parecían ter dominado ao conxunto compostelano. Porén, as oportunidades non resultaban exitosas e os xogadores recolléronse a vestiarios co empate alcanzado.

Segunda parte

A S.D. Compostela comezaba a segunda parte con cambios. Cardeñosa substituía a Allyson por Jorge Cano. Polo lado do Arenteiro, ningunha modificación.

O ritmo do partido baixou con respecto ao primeiro tempo e o adestrador dos locais decidiu introducir máis trocos. Jordan saía por Elliot. Tivo unha ocasión o Compos froito dun lanzamento de Martín non decisivo ante un Diego García que reaccionaba con acerto e sen dificultade. Javi Rey movía ficha con Markitos e Vitra que entraban ao terreo de xogo no posto de Curro e Pol Bueso.

Pouco despois, os locais quedaban cun xogador menos. Roque recibiu un primeiro cartón amarelo por protesta e un par de minutos despois chegaba o segundo por unha forte entrada. Expulsado este, entraba Darío por Parapar e Mangana por Mario coa intención de recompoñer o equipo. Porén, non o conseguiron ante un Arenteiro cada vez máis cómodo.

Escobar seguía a insistir cara Javi Jiménez e cumpriu anotando o segundo no 88 cunha acción previa de Manín. Celebrouno coa afección presente que aclamaba o seu nome e desataba o furor verde.

Os desprazados do C.D. Arenteiro desexaban o final do partido e o Compos rondaba a portaría de Diego García. Darío tivo a oportunidade de empatar xusto ao entrar en tempo de desconto, pero non o logrou e o Arenteiro soubo como aproveitar a situación despois dun córner do equipo rival. Joseca colleu o balón coa rapidez que o caracteriza, demostrou a súa clase de camiño a área contraria e centrou o coiro que Ger rematou. 1-3 para o C.D. Arenteiro.

Os de Javi Rey suman tres puntos na xornada número vinte e oito. Acumulan un total de 63 puntos a falta de 18 por desputar. Moi cerca do ascenso, todos os que forman parte do C.D. Arenteiro buscan desfrutar de cada momento co club como o vivido no Vero Boquete. A semana que vén toca volver a Espiñedo contra o Burgos CF Promesas (21 puntos e terceiro por abaixo na táboa). O Compostela sitúase en cuarta posición, empatado a 46 puntos co Real Valladolid Promesas e coa intención de rascar o play-off.

Palabra de adestrador

Cardeñosa, adestrador da S.D. Compostela, daba a noraboa ao Arenteiro pola vitoria, pero calificaba o resultado como “un pouco esaxerado para o que se viu no partido”.

Sobre o transcurso do encontro, afirmou que a expulsión de Roque fou determinante nun momento bo do equipo. “Non teño malas sensación do que fixemos. Faltounos profundidade pero tiñamos o partido totalmente controlado na segunda parte”.

Na cuarta posición da táboa e empatado a 46 puntos co Real Valladolid Promesas, Cardeñosa mostrase convencido de entrar no play-off: “Se profundizamos nas cousas que fixemos por momentos, o equipo está demostrando mellorías”.

Javi Rey, o adestrador do C.D. Arenteiro, amosábase “moi contento pola vitoria do equipo e por como se consegue”. As claves do partido, segundo el, constitía en “dominar o centro do campo e a posesión de balón”.  

Sobre a dinámica do partido destacou a fortaleza do equipo na segunda parte: “Houbo un tramo na segunda parte que o xogo se parou e no minuto 80 a sensación parecía de empate. A expulsión de Roque é determinante e hai que saber xestionalo. Soubemos atacar ordenados.”

Non quere o adestrador dos verdes falar moito do ascenso pero recorda que “hai que valorar o que está facendo este equipo”. Cre que si existen posibilidades matemáticas de ascender a próxima semana pero non pensa que os xogadores se vaian a descentrar por esa razón.

Unha “mestura experiencia e xuventude” beneficia a un equipo que “non se relaxa en ningún momento e só pensa no rival máis inmediato” . Ese rival é o Burgos Promesas e Javi Rey pensa “seguir nesta liña” para o que veña.

FICHA TÉCNICA

SD COMPOSTELA (1): Javi Jiménez, Roque, Martín Salvador, Pablo Crespo, Álvaro Casas, Samu, Pablo Antas, Jordan (Elliot, min 68), Parapar (Darío Martínez, mín 87), Mario Rodríguez (Riki Mangana, min 83) e Allyson (Jorge Cano, en el descanso).

CD ARENTEIRO (3): Diego, Jordan, Germán, Pol Bueso (Vitra, min 72), Joseca, Álex Fernández, Curro (Markitos, min 72), Romay (Manín, min 80), Adrián Cruz, Pibe (Rafa Mella, min 85) e Escobar.

ÁRBITRO: Crespo Puente, do comité cántabro.

Leave a Reply