C.D. Arenteiro de 1º RFEF: sentir o orgullo, levalo dentro

Os verdes certificaban o seu ascenso a 1º RFEF fronte ao Ourense C.F. no Couto. Con emoción, con moita afección e tras un traballo constante ao longo da tempada. Un empate foi o resultado do partido (1-1) con goles de Adrián Cruz e Tiago na primeira parte do encontro. Era o mínimo que necesitaban os de Javi Rey para celebrar por fin ser campións a falta de catro xornadas. A festa na casa veu despois. O Carballiño deuno todo co club.

Previa

Era un día importante para o C.D. Arenteiro. Os de Javi Rey gañaran na casa fronte ao Burgos o sábado pasado pero non puideron certificar o ascenso o domingo polo resultado positivo do Avilés. O líder superaba por 15 puntos aos asturianos e necesitaban unha vitoria ou un empate para celebrar o ansiado ascenso a 1ºRFEF. Constituiría o segundo en tres anos, tras chegar a 2º RFEF na tempada 2020-2021. Histórico.

Campións da Copa Federación en Alzira, xustos gañadores nun encontro contra ao Almería na Copa do Rey e un gran partido en Espiñedo fronte o Atlético de Madrid. Líderes dunha categoría competitiva como a 2º RFEF xornada tras xornada. Invictos como visitantes e só unha derrota en liga. O Arenteiro asumiu cambios, novas chegadas e éxitos, moitos éxitos. O templo sentiu os berros dunha afección que sorprende alá por onde pasa, capaz de percorrerse quilómetros e que leva dentro o orgullo de todo o conseguido.

O derbi termal xogábase no Couto. As bancadas estaban cheas e como veciños, unha gran cantidade de siareiros desprazáronse ata Ourense para “verte ascender, Arenteiro” como eles mesmos cantaban.

Primeira parte

Cando o balón se puxo a rodar xa se podía intuír que ía ser un encontro igualado. O Ourense, na zona baixa da clasificación intentou loitar por ser o primeiro en superarse no marcador. A primeira oportunidade tívoa Tiago. Recorte e balón cara o gardameta do Arenteiro, quen sen problema solucionou o seu.

Os visitantes reaccionaron pronto. Un disparo de Pibe facía amedrentar a Marqueta e pouco despois, cando se acababa de sobrepasar o cuarto de hora de partido, Adrián Cruz conseguiu inaugurar o luminoso despois dunha demostración de calidade de Pastoriza co balón; a habitual. 0-1 para os líderes.

O gol chegaba pronto para os verdes e a afección desprazada celebrábao con gusto. No terreo de xogo, dúas reaccións: os de Rubén Domínguez non se rendían e continuaban apretando. O C.D. Arenteiro buscaba sumar de novo.

Un remate de Christian Molina ao pau foi o primeiro aviso dos azuis. Tamén o intentou Amín coa cabeza. Porén, non foi ata o final da primeira parte, un par de segundos antes de que o árbitro anunciara o descanso, cando conseguiron o tanto. Tiago avanzou só cara Diego García, decidido e evitando aos centrais do Arenteiro. Gol do Ourense C.F. e empate antes de ir a vestiarios.

Segunda parte

Sen trocos nos equipos contrincantes, a xornada continuaba. Percibíase menos intensidade no estadio do Couto, pero os verdes sumaban ocasións a balón parado. Javi Rey pronto introduciu nova maquinaria. Vitra e Markitos foron os primeiros trocos. O segundo aproximouse máis a portaría contraria cun tiro raso. Non encaixaron os de Rubén Domínguez.

O ritmo do encontro non daba lugar a gol. Con máis xogo que ataque, os cambios de ambos equipos non conseguiron achegar o necesario. Porén, a punto de dar por finalizada a segunda parte, o Ourense C.F. sorprendeu. Un remate de Dani Salas foise rozando o segundo pau. Sucedeu no minuto 93, cando xa se prevía un claro empate. Así quedou.

Pitado o final, xa se podía predicar: o Arenteiro é de 1º RFEF. Afección, directiva, corpo técnico e xogadores non podían conter a emoción. Todo o vivido ata agora tivo a súa recompensa.

O Carballiño estaba esperando polos campións. O anfiteatro da Veracruz era unha auténtica marea verde. A prensa estaba na vila para compartir un momento histórico e todos os presentes levarán dentro unha sensación que poucas veces se pode explicar.

Aínda quedan catro xornadas por diante, pero o Arenteiro xa pode dicir que é un equipo de primeira. A próxima, no templo contra o Laredo. Sobre o ano que vén, isto acaba de empezar, deberemos desfrutar do que foi esta tempada e do que serán as próximas semanas.

FICHA técnica

Ourense C.F.: Marqueta, Isra, Hugo Sanz, Ebuka, Tiago (Carmelo, min.90), Amin (Iván, min.83), Jerin, Nacho Fariña, Christian Molino, Gabri (Dani, min.67) Palmás, Manu Rodríguez (Nacho, min.83)

C.D. Arenteiro: Diego, Ger, Pol Bueso, Álex Fernández, Escobar (Rafa Mella, min.84), Pibe (Martín Lamelas, min.84), Adrián Cruz (Manin, min.70), Curro, Joseca, Romay (Markitos, min.61), Jordan (Vitra, min.61)

O árbitro, Guillermo Cueto, do comité castelá-leonés, amonestou con cartóns amarelos no C.D. Arenteiro a Jordan, Adrián Cruz e Ger. No Ourense C.F. a Hugo Sanz.

Leave a Reply