O Arenteiro non se apaga e vence ante o Bergantiños FC (2-3)
Houbo fútbol dinámico nas Eiroas que se saldou coa vitoria dun C.D. Arenteiro que demostra unha vez máis a súa eficacia e que logrou anotar tres goles co papel de visitantes. Tras este resultado, o cadro dirixido por Javi Rey ocupa o primeiro lugar da clasificación con 42 puntos e afástase do segundo equipo en fase de play-off, o Guijuelo, cunha distancia considerable (8 puntos).
Resumo
O CD Arenteiro púxose por diante na primeira metade do partido con dous goles case simultáneos de Markitos e Escobar. Os locais responderon de forma atacante e puxéronse máis cerca do empate cun gol de Garrido. Tras a celebración, un inesperado apagón nas Eiroas obrigou a deter o xogo durante quince minutos.
Pouco lles durou a alegría aos de Carballo, pois o dianteiro do CD.Arenteiro anotou un tanto a favor dos verdes nada máis comezar a segunda parte. Un troco acertado no Bergantiños mudou a situación no marcador; entrou Josiño e marcou.
A este encontro non lle faltou ritmo e os locais demostraron a súa intención de seguir loitando na categoría malia atoparse en perigo de descenso no posto 16. Porén, os de Javi Rey fixeron gala dos motivos polos que son líderes: eficacia, defensa e superioridade.
Previa
O Bergantiños FC cun estreado adestrador esperaba na casa a un invencible CD Arenteiro. O equipo atopábase en posición de descenso, con 16 puntos en todo o que vai de liga. No último partido coa Gimnástica, que supuxo o debut do adestrador, os de Carballo foron derrotados. José Durán destacou a orde a nivel defensivo do seu cadro pero non esquece que aínda estaba “lonxe do que busca” en ataque. Para o derbi, non contaba con Boedo nin Brunet.
Na outra cara da moeda e cunha situación completamente distinta atopábase o C.D. Arenteiro. Líderes de inverno, gañadores do último derbi contra o Coruxo e vencedores do partido aprazado en Guijuelo que tiveron que dar por finalizado o mércores viaxando ata Salamanca. As estatísticas do equipo de Javi Rey resultan inmellorables: un partido perdido, once nos que se levaron o triunfo e seis empates.
Primeira parte
Do Carballiño a Carballo viaxaron os verdes para facer fronte ao seu segundo derbi consecutivo na xornada 19. Esta vez foi contra o Bergantiños FC nas Eiroas. Ía frío pero un encontro dinámico e emocionante non deixou de sorprender a unha afección entre a que se atopaba tamén a cor verde.
Un primeiro lanzamento de Pibe iniciou o ataque dos visitantes, ante o que pronto respondeu Meixús cun balón dende a central da área que marchaba fóra. O Bergan apostaba pola verticalidade para intentar facer fronte a un Arenteiro de defensa fortalecida. Porén, non o lograron e foron os verdes os primeiros en marcar.
Markitos foi o encargado de iniciar o marcador cun gol a favor dos verdes. Un remate de cabeza a un pase atrás de Joseca. Case sen tempo para celebralo, Escobar aparecía no terreo de xogo para aproveitar un erro da defensa bergantiñá e disparaba o coiro na portaría de Santi Canedo.
Os locais aumentaron o ritmo. Pedrosa atacaba por banda esquerda e os de Durán buscaban que o balón favorecese ao Bergantiños. Un golpeo de Remeseiro por unha falta a favor, ante a que non había rematador, xeraba unha ocasión para os de Carballo. Pacheco tamén a tivo pero Diego quería manter a súa portaría a cero.
Non o conseguiu o gardameta do CD Arenteiro. Os azul-vermellos intentaron encaixar o coiro ata en tres ocasións e foi na última delas na que o conseguiron cun centro de Uzal a Iván Garrido. Poñíanse así os de Durán máis preto de acadar o empate na media hora de partido.
Porén, nun momento álxido do encontro despois deste gol, os focos do estadio das Eiroas apagáronse por un erro eléctrico. Xogadores e equipo arbitral puxéronse roupa de abrigo e tomouse a decisión de esperar a recuperar a luz. O reloxo parouse no 32 e quince minutos despois, todo se volveu poñer en marcha. Pouco despois de reiniciar esta primeira parte, Pedrosa busca a Garrido para inserir o balón na área do Arenteiro que Ger salva sen problema.
Segunda parte
Pola parte dos visitantes, o cadro do Carballiño non perdeu o brillo nin a intensidade no parón. Escobar marcou o terceiro gol froito dunha falta de entendemento entre defensa e porteiro do Bergantiños FC.
Ante esta situación, o adestrador dos azul-vermellos decidiu renovar o seu once inicial con dous xogadores como Tomé e Josiño. Este último, que debutaba cos de Carballo, foi o autor do segundo tanto para os locais. Fíxoo tras un saque de curruncho do Bergantiños FC, Uzal tira fóra pero aparece Pedrosa para facerse co rexeitamento e Josiño consegue anotar nos primeiros dez minutos do segundo tempo.
Os de Durán, motivados despois do gol, buscaban chegar ao empate. Un balón perigoso de Garrido que centra cara a portaría do Arenteiro, foi desviado por Diego cara arriba e acaba rozando o pau. Josiño tamén o intentou de novo cun remate que foi directamente fóra. Sábese que os verdes non necesitan moito para encaixar e así o demostrou Escobar que fixo unha condución el só ante o perigo. Esta postulouse como a última do Arenteiro.
Mentres que ao Bergantiños xa se lle empezaba a notar o cansazo, os de Javi Rey intentaban agarrar a súa vitoria. Así rematou o encontro da xornada 19, cun 2-3.
FICHA TÉCNICA
BERGANTIÑOS (2): Santi Canedo; Palomares (Tomé, minuto 55), Quindimil, Agulló, Espeso; Uzal (Julen, 87), Remeseiro, Meixús (Josiño Filgueira, 55); Pedrosa, Garrido e Pacheco.
ARENTEIRO (3): Diego García; Germán, Vitra, Pol Bueso (Curro, minuto 59); Joseca; Álex Fernández, Adrián Cruz; Pibe (Mario García, 75), Romay (Jordan, 62), Marquitos (Manín, 75) e Antón Escobar.
ÁRBITRO: Daniel Clemente Manrique , do comité tinerfeño. Amonestou con cartón amarelo a Espeso e Remeseiro, do Bergantiños. No Arenteiro, a Romay e Antón Escobar.