O Arenteiro ponllo difícil ao Rosalía no primeiro derbi senior feminino de Ourense (1-0)

O Municipal de Oira acolleu o encontro entre un estreado C.D. Arenteiro e o experimentado E.F.F. Rosalía. As verdes demostraron a súa potencialidade defensiva e encheron de motivación o terreo de xogo. Porén, o resultado non reflectiu a dinámica do partido e as de Alba Rodríguez marcharon cun gol en contra de Victoria.

A Escola de Fútbol Feminina Rosalía ocupa tras este triunfo o segundo lugar da clasificación (30p) xa rodadas na competición dende o inicio do proxecto de equipo en 2018. Nunha situación de debut atópase o C.D. Arenteiro, que está a sorprender na categoría e xa se posiciona nun sexto posto (18 p).

Nas últimas xornadas, as do Arenteiro non puideron gañar ao líder, o Lóstrego CF, pero si o fixeron ante Guardesa e Vilariño. Segundo a adestradora, Alba Rodríguez, “as xogadoras melloran día tras día e reflíctese no xogo que propoñen cada semana”. Moitas delas, compaxinan a súa actividade no C.D.A tamén con presenza en equipos de fútbol sala como o Carballiño F.S. ou o Atlético Arnoia.

O encontro

Durante os 90 minutos de partido, o Arenteiro foi capaz de facerlle fronte a un equipo consolidado a pesar dos seus poucos meses de vida. Malia que nun primeiro momento se podían palpar os nervios das visitantes carballiñesas, estes fóronse disipando a medida que controlaban diversas fases do xogo.

Na primeira metade, as verdes deixaron mover o coiro ás do Rosalía, que non lograban ningunha xogada clara de ataque. Porén, foi Vicky quen conseguiu anotar un tanto para as ourensáns mediante un rexeitamento nun balón parado. Pola banda local, Leti tivo unha oportunidade cun centro de Lidia que non se materializou en gol.

De volta ao campo, o Arenteiro saíu con forza e “foi a polo partido”. Conseguiu o dominio do balón e xerou numerosas ocasións para marcar no segundo tempo. Malia que non foron quen de facelo, Alba Rodríguez afirma: “non nos levamos os tres puntos pero si a confianza de que lle podemos gañar a calquera”.

Agora tócalles pensar no próximo encontro (xornada 13) contra o SD Ponteareas que se disputará na Uceira o domingo 22 de xaneiro.

Leave a Reply