O CD Arenteiro sae vitorioso do derbi fronte ao filial do Lugo (1-0)

O Arenteiro venceu na casa, en Espiñedo, ao CD Lugo B. Nun encontro no que o terreo de xogo se postulaba complicado para ambos rivais, os locais mantiveron o dominio e xeraron ocasións en todo momento. Porén, só lograron encaixar un gol froito dun polémico penalti a Pibe durante o segundo tempo que lles deu o triunfo. Con este resultado, son líderes de inverno e poden presumir de que só contan cunha derrota en todo o que vai de liga.

Previa

A décimo sétima xornada de liga para os verdes postulábase como “clave” para manterse líder da clasificación ou caer algún posto e ser adiantado polo Guijuelo ou mesmo polo Compostela.  Os de Javi Rey xogaban en Espiñedo e iso sempre suma ilusión despois dun accidentado último partido en Salamanca do que Pol Bueso saíu prexudicado.

A bancada do CD Arenteiro relucía calidade nun dos seus mellores momentos e o adestrador podía xogar as súas cartas co cadro dispoñible ao completo agás o defensa Pol Bueso, que contemplaría o encontro como un espectador especial.

O filial do Lugo chegaba ao Carballiño cun bo sabor de boca tras a vitoria do pasado fin de semana fronte ao Gimnástica Torrelaviega (2-0) logo de seis xornadas sen conseguir o triunfo.

Entre os xoves e ilusionados xogadores deste Polvorín atopábase o estreado dianteiro Edu Taboada, procedente do CF Pobla Mafumet. Tamén destacaba a presenza dun coñecido pola afección do polbo mecánico: Xabi Domínguez, orixinal de Cenlle.

Os de Trashorras propoñíanse loitar pola permanencia despois das vacacións de Nadal, xa que non logran saír das liñas vermellas da táboa. Con 14 puntos, só superaban ao Burgos Promesas, os colistas.

Un derbi galego en toda regra enfrontaba no Espiñedo a dous equipos moi diferentes. Ás 12 da mañá, un ceo solleiro acompañaba a saída de vestiario dos respectivos xogadores.

Primeira parte

O CD Arenteiro comezou dominando o encontro. Un primeiro centro de Joseca pasados apenas tres minutos para Romay alertou xa aos de Trashorras sobre o que terían que vencer pola banda esquerda.

Unha falta perigosa a prol dos locais sobre Markitos, xerou outra das oportunidades de anotar dos verdes, que trataban de afianzar o seu liderado ante unha afección máis que motivada. Porén, a barreira de catro futbolistas do Polvorín non foi atravesada e o balón disparado polo veterano Álex Fernández pasou por riba da portaría do Lugo.

O estado do terreo de xogo impedía a ambos equipos poder desenvolver unha táctica exitosa. O Polvorín optaba por balóns longos, mentres que o Arenteiro quería chegar a combinar, algo moi complicado nesas condicións.

Preto do cuarto de hora de partido, o goleador Antón Escobar intentou transformar en gol un saque de curruncho a favor dos locais, pero a herba levantábase en Espiñedo e o coiro non entraba.

A oportunidade máis clara para o Lugo B chegaba pouco despois. Iago Novo realizaba un disparo alto e o equipo buscaba intimidar a Diego García. O partido comezou a igualarse. Porén, pouco lle durou aos luceses.

Tres avisos consecutivos dos verdes determinaron un “cheira a gol” que xa se rumiaba entre os afeccionados. Álex Fernández golpeou cara a área do Polvorín para un Vitra que intentou sortear ao gardamenta sen lograr o obxectivo. Outra ocasión invalidada tívoa Antón Escobar, o dianteiro do Arenteiro que militou no Lugo durante tres anos, cun fóra de xogo cando ía rematar.

Xabi Domínguez loitou cara a cara con Joseca durante o primeiro tempo e tirou tamén cara Diego García, que eliminou a posibilidade de encaixar dos visitantes antes de rematar o tempo. Da máis clara do Arenteiro foi autor Markitos, practicamente cando o colexiado xa dera por finalizados os 45 minutos, cun remate frouxo que Brais Vázquez conseguiu salvar abaixo.

Segunda parte

Os verdes pisaron o terreo de xogo con máis ímpetu e demostrouse dende o primeiro momento. Curro a Álex Fernández foron os artífices da primeira oportunidade e un salto de Markitos que se quedou curto para o centro de Joseca xa ameazaban de novo a portaría branquivermella.

O campo facía cada vez máis difícil as xogadas para ambos equipos e o adestrador lucense decidiu empurrar o ritmo con Hugo García no medio campo, procedente do xuvenil e que contou dende o primeiro momento coa confianza de Trashorras.

No lado dos verdes, Antón Escobar apareceu de novo para intentar rematar un córner, pero non tivo suerte. Pouco despois, pasado o primeiro cuarto de hora do segundo tempo, Iago Novo impediu a xogada de Curro mediante un manotazo que sembrou a discordia en Espiñedo. O público posto en pé protestaba xunto aos locais que se atopaban no campo, pero López Vila non ditaminou ese penalti reclamado.  

Xa co ambiente caldeado e un colexiado ao o que encontro “se lle ía das mans”, o dianteiro máis goleador do C.D. Arenteiro, Escobar, avanzaba cara a portaría de forma determinante fronte a un Brais Vázquez que pronto lle quitou o coiro nun acto rápido, entre aire e tacón, por parte do gardameta que destacou durante todo o encontro.

O filial do Lugo B intentoulle facer fronte ao líder pechando espazos e un lanzamento afastdo 30 metros da portaría, obra de Christian Martínez, sorprendeu a Diego no minuto 66.  Foi unha das oportunidades para o Lugo B, que aínda contemplaba posibilidades de agarrar un punto do empate ou mesmo os tres da vitoria. Porén, posteriormente, produciuse o penalti a prol do Arenteiro que si lle daría o triunfo.

A xogada, protestada polos visitantes e tampouco de todo clara para o CD Arenteiro, produciuse froito dunha entrada do arxentino Pibe na área fronte a que reaccionou unha camada do Lugo protagonizada por Luis Castro, que pareceu contactar a perna do xogador dos verdes sen que este chegase a caer. López Vilas pitou penalti e foi o propio Pastoriza, malia que Escobar tamén quería facelo, quen se colocou a once metros da rede de Brais Vázquez. Era o minuto 71 e o único internacional do CD Arenteiro marcaba o gol da vitoria.

Pouco despois, Romay tivo a oportunidade de tirar a porta baleira. Mentres xa moitos celebraban o segundo tanto, este desviouse e non logrou sumarse ao marcador. Nin o propio Romay o cría. Do outro lado, un golpe de Christian que foi fóra xerou unha nova ocasión para os azuis-vermellos.

Os de Javi Rey intentaron incrementar o resultado que os mantiña líderes, mais Manín, que entrou no terreo de xogo cara o final do segundo tempo, non deu chegado aos balóns que se lle poñían para atacar. Pibe aínda aproveitou unha xogada para lanzar soberbiamente ante o porteiro do Lugo B que luciu as súas habilidades neste encontro. Semelleba que o partido remataría co único gol de penalti do arxentino a pesar de todas as oportunidades das que se valeron os locais contra as condicións adversas do campo. Así foi.

Resultado

O CD Arenteiro continúa líder da categoría con 35 puntos, a 2 do Guijuelo, co que se medirá o próximo 25 de xaneiro para retomar eses minutos que non se puideron xogar a pasada semana. Antes, terá que facer fronte a un novo derbi galego ante o Coruxo FC de novo no templo Espiñedo o domingo 22 ás 12:00h.

Pola súa parte, o Lugo B queda de penúltimo sen sumar puntos nesta xornada (con 14) a só un dos colistas.

Palabra de adestradores

Trashorras indicou que o campo estaba “francamente mal” e que o tipo de xogadores que teñen préstanse para facer un fútbol máis combinativo que nesta ocasión se tivo que adaptar a “un xogo  máis directo, a un equipo como o Arenteiro que gaña a segunda xogada, xoga fóra e mete moita xente na área”.

En liñas xerais, recoñece que o equipo local foi superior pero que tamén está acostumado a xogar “neste tipo de campo. Somos xogadores máis xoves e non físicamente tan fortes como o Arenteiro.”

Sobre a actuación arbitral Trashorras entende que “non é fácil pitar e que se necesita moita personalidade para facelo nun campo coma este”. Resalta que non se pode xustificar o resultado polo comportamento dos colexiados xa que é un factor incontrolable.

O adestrador do Lugo B indica que viña ao Carballiño coa idea de gañar: “Sabiamos que era complicado, pero costounos e agora hai que pensar no partido do Avilés e levalo máis onde nós queremos para poder estar máis a gusto”. Para os xogadores, estes partidos «son unha forma de adaptarse e crecer”.

Javi Rey, adestrador do CD Arenteiro, valora positivamente o encontro de hoxe contra o filial do Lugo. “O Polvorín, polo que vin nas últimas semanas, é un equipo que me gusta. Son xogadores con moito talento e estou contento pola vitoria”. Indica que na categoría é dificil sumar de tres e hai que celebrar os 3 puntos porque foi “unha moi boa primeira volta”.

Destacou que os xogadores do seu equipo foron capaces de xerar ocasións de gol, sobre todo na segunda parte con “moitas situacións de área e moitas accións a balón parado”. Aínda así, sobre o terreo de xogo, non quere pronunciarse máis aló de que «perxudica polo tipo de futbolistas que temos, condiciona a forma de xogar e preocupa polo risco de lesión dos xogadores».

Cre que o parón de Nadal “veulles moi moi ben e están motivados”. Tras o partido accidentado do Guijuelo “no que pasou absolutamente de todo”, afirma que o importante é que Pol está ben e que foi unha moi boa semana que se reflectiu na vitoria.

FICHA TÉCNICA

CD ARENTEIRO (1): Diego García, Jordan, Germán, Vitra, Joseca, Álex Fernández (Adrián Cruz, min 64), Curro, Rafa Mella (Pibe, min 54), Romay (David Álvarez, min 80), Marquitos (Manín, min 64) e Antón Escobar (Álex Conde, min 80).

CD LUGO B (0): Brais, Torrado, Fidalgo, Jesús, Martín (Luis Castro, min 54), Rosón, Iago Novo, Ces Cotos (Cristian, min 64), Álex Ramos (Antonetti, min 77), Xabi Domínguez (Rubal, min 54) e Edu Taboada (Hugo García, min 46).

GOL: 1-0, min 72: Pibe, de penalti.

ÁRBITRO: López Vila, do comité galego. Amonestou con cartóns amarelos no CD Arenteiro a  Jordan e Álex Fernández e por parte do filial do Lugo a Torrado e Rosón.

Leave a Reply