Empate para o Arenteiro fronte a unha pechada Ximnástica (0-0)

A viséxima xornada para os verdes concluía a ceros na súa casa, en Espiñedo. O ritmo lento do encontro, ao que non están acostumados os de Javi Rey e a actuación defensiva dos visitantes impediu sobre pasar a portería da Ximnástica. As faltas acumulábanse no terreo de xogo e os branqui-azuis tampouco conseguían chegar con verticalidade á rede custodiada por Diego García.

Previa

O CD Arenteiro recibía no templo a RS Ximnástica despois de gañar o último derbi contra o Bergantiños nas Eiroas. Tres vitorias consecutivas acumulan os do Carballiño e só unha derrota en toda a tempada, o que os situaba en primeiro posto da categoría afastados do Guijuelo con vantaxe.

Por outro lado, os de Sergio Fernández atopábanse na metade da táboa, na décima posición. Chegaban a Galicia tras a derrota da pasada fin de semana en Oviedo coa intención de plantarlle cara a un líder  que contaba co apoio dunha vencellada afección.

Primeira parte

Preto das doce da mañá, Espiñedo sabía que debía prepararse para os seus e comezaron a saír algúns raios de sol que despexaban a intensa néboa coa que amencera a vila. As bancadas estaban cheas e os xogadores de ambos equipos preparados para iniciar o xogo.

Pouco puideron facer durante os primeiros minutos os rivais da xornada. Locais e visitantes carecían de profundidade e os de Javi Rey víanse acurralados por un Ximnástica que non deixaba espazos para xogar.

Chegada a media hora do primeiro tempo e con escaso movemento previo nas áreas, Joseca intentouno pola banda esquerda cun centro a Álex Fernándex que acabou demasiado alto. Pouco despois intentaba sorprender Tobar a Diego García.

Pensando xa no descanso (42’) a polémica levantou a unha bancada verde que protestaba cara o colexiado. Pedían cartón vermello para o defensa do equipo cántabro, Marotías, por un derribe a Manín mentres este avanzaba cara a portaría visitante nunha ocasión clara para os locais.

Segunda parte

Na segunda parte a Ximnástica saíu con intención de atacar ao líder. Unai tivo unha oportunidade clara para anotar un tanto que iniciara o marcador, pero o seu golpeo foi arriba e os do Arenteiro impedían calquera situación perigosa.

Romay foi o primeiro en entrar o terreo de xogo a penas pasados dez minutos dese tempo substituíndo a Cruz. Unha renovación de aires que indicaba as gañas dos de Javi Rey de demostrar as razóns polas que se manteñen en primeiro posto.

Unha falta a Joseca que tira Alex Fernandez e intenta rematar de cabeza foi outra das ocasións para o Arenteiro. Pibe tamén tivo protagonismo asistindo a Manín. O xerezano ademais desta contou coa posibilidade de rematar o balón que Joseca lle facilitou, mais Mediavilla amparaba o coiro coas súas mans.

Un estreado Romay case logra colarse pola portaría nunha xogada que non era fácil pola altura do balón. 

Os últimos minutos estiveron caracterizados por tres saques de esquina do Arenteiro na casa que non lograban encaixar. Xogadas a balón parado fronte a unha dotada e numerosa defensa do Ximnástica. O arxentino Pibe fixo tremer a grada cun tiro que ía a escuadra e que xa moitos celebraban coma gol preto dos 90.

Finalmente non puido ser para ningún dos dous equipos enfrontados, que regresaban a casa cun punto entre mans.

Palabra de Javi Rey

O adestrador do CDA afirmou que o partido contra a Ximnástica foi un partido moi difícil de gañar: “A Ximnástica é un equipo súper competitivo que defende moi ben en bloque baixo. Estaban contento co empate, había moitas perdas de tempo e nós non estivemos cómodos sobre todo en fase ofensiva con balón.”

Sobre o desenvolvemento do encontro destacou unha ocasión. “Hai un momento decisivo acción de Manín que se vai man a man dende medio campo e Marotías fai unha falta moi clara que estivemos vendo agora. Eu creo que iso condicionou nun partido destas condicións.”

Javi Rey facía referencia as expectativas dos xogadores : “O vestiario está un pouco fastidiado porque querían gañar de tres”. Pero incidía en afrontar con actitude positiva o futuro máis próximo: “Creo que a dinámica do Arenteiro está sendo moi boa. Cada vez é máis difícil gañar porque os equipos compiten moi ben e está todo tremendamente igualado. “

Proximamente

Ao Arenteiro espéranlle dous encontros fóra da casa. O primeiro contra o Oviedo, un filial que leva dous encontros consecutivos vitorioso, e o segundo contra o Real Avilés CF, en postos de play-off no quinto lugar da táboa.

Os verdes seguen líderes na clasificación con 43 puntos. Séguelle o Compos con 36, ao igual que o Real Valladolid Promesas.

FICHA TÉCNICA

CD ARENTEIRO (0): Diego García, Germán, Vitra, Pol Bueso (Jordan, min 65), Joseca, Álex Fernández, Curro, Adrián Cruz (Romay, 55), Pibe, Markitos (Rafa Mella, 78) e Manín.

RS GIMNÁSTICA DE TORRELAVEGA (0): Mediavilla, Montiel, Gándara, Marotías, Dani Álvarez, Alberto Gómez, Altadill, Javi Cobo (Saúl, 78), Unai (Javier Delgado, 82), Basurto (Bolaño, min 87) e Tobar (Iñaki, 82).

ÁRBITRO: Domato Pedreira, do comité balear. Amonestou con cartóns amarelos no CD Arenteiro a Ger, Markitos e Pol Bueso. Na RS Ximnástica, a  Montiel, Unai, Javi Cobo e Alberto Gómez.

Leave a Reply