O encontro entre Guijuelo-Arenteiro suspendeuse antes de finalizar debido ao estado de Pol Bueso e a chuvia incesante
O defensa do C.D. Arenteiro, Pol Bueso, motivado por un lance do xogo desplomouse no minuto 70 e foi atendido polos que se atopaban a pé de campo por unha lesión no pescozo. Pola gravidade da mesma, decidiuse non mobilizar ao xogador e esperar a ambulancia que tardou vinte minutos en aparecer no terreo xa que tivera que trasladar a outro xogador do Guijuelo ao hospital anteriormente. Dende o equipo confírmase o bo estado de saúde de Pol, o cal xa se atopa descansando no seu fogar.
O partido foi suspendido como consecuencia do mal estado do campo. Unha chuvia torrencial durante os minutos de parón fixo que non se cumprisen as condicións necesarias para garantir a seguridade e integridade de xogadores e árbitros no espazo. Así o recolle a acta arbitral, que tamén sinala «a falta de dispoñibilidade de ambulancias» referida.
O resultado provisional é de empate entre o líder e o segundo da clasificación . Proximamente determinarase unha nova data para este encontro.
Previa
As vacacións de Nadal remataron para o C.D. Arenteiro, que puxo rumbo a Salamanca para enfrontarse ao CD Guijuelo. Os equipos, ambos caracterizados pola cor verde, están a un punto de distancia na clasificación (Arenteiro con 32 e Guijuelo con 31).
Comeza de novo a liga tras o torneo da Copa do Rei. O Club Deportivo Guijuelo caeu fronte o Villareal e o C.D. Arenteiro intentou plantarlle cara ao Atlético de Madrid no estadio do Espiñedo.
Primeira parte
O C.D. Arenteiro faise co balón dende o primeiro momento. Porén, aos dous minutos de partido Caramelo xerou unha oportunidade para o Guijuelo, mais o seu disparo golpeou no lateral da rede. A dinámica do encontro non era favorable para ningún dos contrincantes e o tempo meteorolóxico impedía o desenvolvemento de xogadas efectivas para ambos equipos.
Aínda sen chegar ao cuarto de hora do partido, o Guijuelo determina a súa primeira baixa. Willy, por molestias no nocello, ten que abandonar o terreo de xogo e foi substituído por Álex Lorenzo. Pouco puido desfrutar o xogador, que aos cinco minutos sufriu unha lesión no ombreiro e retirouse en padiola. O seu lugar ocupouno Rubén.
A primeira ocasión para o C.D. Arenteiro veu orixinada por un pase largo de Pibe que non alcanza Escobar e ante o que se adianta o gardameta do Guijuelo, Guzmán. Pola banda dos locais, un disparo do gaditano Pepe Carmona fixo atallar a Diego García o coiro en dous tempos.
O empate quedaba alumeando no marcador cando se deu por finalizada a primeira parte do recital.
Segunda parte
A partir do minuto 45, o C.D. Arenteiro saíu con máis forza ao campo. O primeiro cartón amarelo do encontro viuno Antón Escobar por simulación de penalti mentres avanzaba cara a portaría rival.
A ocasión máis clara do C.D. Arenteiro veu da man de Markitos no minuto 58, que acaba nas máns de Johan Guzmán. Pouco despois do susto, o adestrador do Guijuelo, Mario Sánchez, esgotou os cambios permitidos cun dobre troco que inseriu no partido o aire renovado de David e Flórez.
Javi Rey, tamén optou por encadrar a Manín e Álvarez coa intención de buscar o tanto que os mantivese líderes da clasificación. Porén, os momentos de angustia e tensión encheron o Luis Ramos. Unha mala caída de Pol Bueso puxo en alarma ao corpo técnico, compañeiros. No minuto 70 ordenouse aos xogadores permanecer en vestiarios ata a chegada da ambulancia.
Os que se atopaban a pé de campo intentaban arroupar ao defensa do equipo carballiñés ante a situación meteorolóxica e a espera dos servizos médicos. A ambulancia chegou ao terreo de xogo vinte minutos despois para evacuar a Pol Bueso e avaliar o seu estado.
O árbitro non determinara a suspensión definitiva do partido ante a afección, que agardaba unha resposta. Considerando o acontecido, o colexiado decidiu suspender o partido.
FICHA TÉCNICA
O C.D. Arenteiro: Diego García, Germán, Vitra, Pol Bueso, Joseca, Álex Fernández, Curro, Pibe, Markitos, Romay (Manín 63’) e Antón Escobar. (Álvarez 63’)
C.D. Guijuelo: Johan Guzmán, A.Trapero, Aizpiri, Piojo, Pepe Carmona (Flórez 62’), Cristóbal Gil, Caramelo, Garban, Willy ( Alex Lorenzo 13’ Carlos Rubén 18’ ) , Toti, Coque. (Davo 62’)
O colexiado do comité extremeño, Julián Sánchez, arbitrou o partido. Amonestou con cartón amarelo por parte do C.D. Arenteiro a Antón Escobar e no C.D. Guijuelo a Cristóbal. No minuto setenta de partido, o árbitro envía aos xogadores ao vestiario pendentes do estado de Pol Bueso. Ante a retirada do xogador en ambulancia e a forte tromba de auga dá por suspendido o partido.
Imaxe de C.D. Guijuelo (Twitter)