Todo(s) ao verde facendo historia: CD Arenteiro – Atlético de Madrid (1-3)
A vila do Carballiño foi o lugar de encontro para o partido da Copa do Rei entre Arenteiro e Atlético de Madrid. Preto de 3.000 persoas no Espiñedo tras a instalación dunha grada supletoria, gorros verdes de Nadal que tinguiron a ilusión de verde, forza no campo e na bancada, nervios e un “si se pode” continuo da afección que percibiu o club dende a primeira pegada no campo.
Os verdes non venceron nesta ocasión, como acostuman facer, pero puxéronllo difícil a un dos mellores equipos de Europa. Os do Arenteiro mesmo se adiantaron no marcador durante uns minutos cun gol de Markitos no 41 que fixo tremer o estadio. Pouco lle durou o triunfo, porque Carrasco anoutou un tanto de penalti a prol do Atlético dous minutos despois.
No transcurso do segundo tempo, a prórroga víase cada vez máis cerca, pero os de Simeone lograron remontar no 76 grazas a un zapatazo de Barrios dende a frontal ante o que non puido facer nada Diego García. Xa co encontro practicamente rematado, apareceu Carrasco de novo para encaixar na rede dos locais a porta baleira un pase de Morata.
O resultado non foi reflexo da historia de 90 minutos que se escribiu en Espiñedo. En realidade, da historia que xa comezou dende que o azar decidiu que se enfrontasen estes dous equipos. O C.D. Arenteiro gañou o apoio dos seus, a vivencia dun partido deste nivel e a ledicia de poder dicir que o loitaron todo.
Previa
O Cholo Simeone celebraba o seu partido número 600 como adestrador do Atleti contra o CD Arenteiro e para pelexar pola Copa, fóra de Europa, a trece puntos do líder na Liga.
O equipo branqui-vermello foi no que máis xogadores disputaron o Mundial de Qatar. Por este motivo, non estaban dispoñibles para o encontro os internacionais que o domingo combateron na final do Mundial: nin os arxentinos Correa, De Paul e Molina, nin o francés Griezmann. João Félix ausentouse por indisposición . Si acudiron ao encontro Morata, Llorente e Koke tras xogar coa selección española.
Un dos protagonistas do partido foi Pablo Barrios, da canteira, que se estreou como titular en partido oficial por primeira vez e demostrou as súas condicións para facerse un oco no equipo. Alberto, tamén da canteira, entrou no terreo de xogo a desfrutar na segunda parte.
O C.D. Arenteiro acumulaba o esforzo das últimas semanas, sen descanso. Líderes na súa categoría, só cunha derrota no que vai de liga e campións da Copa Federación. Javi Rey púxose á fronte dun equipo cando xa o Atlético era o seu rival despois da marcha de Fran Justo ao Lugo nos últimos días de novembro. Porén, mantivo a dinámica que o equipo xa colleitara e víase con capacidade de polo menos, poñerllo difícil aos de Simeone. Para iso, o 11 habitual.
Na lista de suplentes aparecía de novo o nome de Lamelas e incluíase o de Damián Bardelás, xogador do Arenteiro Promesas, malia que ningún dos dous chegou a saír ao terreo de xogo. Mención especial merecía tamén Uxío da Pena, que celebraba a súa última convocatoria como futbolista.
No último adestramento os xogadores atrevíanse a soñar con gañar o que era “un partido máis”. O presidente do C.D. Arenteiro, Argimiro Marnotes, expresaba o esforzo e nerviosismo deste último mes, pero con ilusión e esperanza dun bo resultado. Javi Rey apuntaba que o factor campo e sobre todo, o factor afección podían xogar moito ao seu favor.
Chegou o día
Na vila respirábase unha sensación similar. Todos estaban convencidos de que ían animar ata o final para empurrar a un Arenteiro que xa lle regalou moitos momentos bonitos. Dende primeira hora da mañá, o perímetro de Espiñedo era un cúmulo de furgonetas e técnicos que dispoñían todo para as 21:00h.
Cerezo reuniuse co presidente do CD Arenteiro, o alcalde e outros membros da directiva para facer unha homenaxe ao que pon no mapa ao Carballiño: a súa gastronomía e especialmente, o seu polbo. Porén, xogadores e corpo técnico do Atleti decidiron xantar en Laias e repousar alí antes do encontro. Os do C.D.A fixérono no seu lugar habitual e das grandes ocasións: o Apartahotel Arenteiro.
Ás 17:00h xa se concentraban siareiros nas inmediacións do estadio. Forza Arenteiro era o seu lema. Fume verde, berros e cánticos acompañaban a longa espera que se combinaba cunhas condicións meteorolóxicas que non eran as mellores: chuvia e néboa.
Máis tarde xa comezaba a chegar prensa. Era un acontecemento mediático sen lugar a dúbidas.
As portas abríronse ás 18:45 e todo apareceu verde. Os asistentes contaban cun gorro de Papá Noel verde de regalo agardando no acceso, mais a maioría xa traía algo da cor do Arenteiro da casa. Bufandas, suadoiros, camisetas, sombreiros, gafas etc. Era o día de lucilo.
Familias enteiras, de todas as xeracións. Os máis maiores, que xa viviron varias etapas deste club e os pequenos, presente e futuro da afección do Arenteiro. Algúns asistían por primeira vez ao Espiñedo e outros, intentaban facerse co sitio de tódolos domingos.
O autobús do CD Arenteiro chegou e as cabezas comezaron a asomarse polo oco das gradas cara fóra. Todos os berros de ánimo eran poucos. O do Atlético foi recibido doutro xeito, os berros non eran de ánimo.
Víanse algunhas caras coñecidas, porque o verde sempre deixa un pouco de pegada no corazón. Fran Justo emocionado, Víctor Eimil de espectador apoiando ao seu antigo equipo. Coma sempre, Espiñedo segue a ser fogar.
Representantes políticos, empresarios da comarca, xornalistas, cámaras, directiva, membros do Atlético de Madrid e afeccionados que viaxaron ata Galicia, pero sobre todo xente que valora o esforzo e traballo detrás dun partido coma este. Todos, concentrados arredor dun club fundado xa en 1958.
Non cabía unha agulla en Espiñedo. Un silencio sepulcral inundou o espazo os minutos previos ao inicio. Había unha razón: “Arenteeeeiroooo” , “EH!”. Pódese escribir a sensación, pero só os que estabades alí sabedes como se sentiu. O polbo mecánico estaba en marcha.
Primeira parte
O coiro comezou a rodar e os verdes non se empequeneceron ante un equipo como o Atlético. Tiraron cara adiante, combativos. Lemar tivo a primeira ocasión no minuto 7 cun disparo cruzado que rozou o poste. Pola banda, Joseca xeraba perigo aos branqui-vermellos e mesmo intentou cadrar un tiro a porta do contrario que parou Oblak. Giménez e Hermoso sufriron tamén. Pibe entrou en diagonal pola dereita e Escobar loitou o tanto entre centrais.
O arxentino dos locais tivo una clara oportunidad a los 18 minutos, pero o seu lanzamento petou coa barreira e foi fóra. O capitán Koke foi o seguinte en poñer a prueba a Diego García cun disparo centro de Lemar que logrou alcanzar o meta do Arenteiro. Pouco despois, unha trafulca entre Koke e Javi Rey rematou co adestrador do CD Arenteiro expulsado, perdendo un partido tan importante coma este. A afección comezou a protestar incansablemente a decisión do árbitro, pero non sería a única. O propio Simeone intentou calmar o temperamento do capitán.
Morata e Llorente facían traballar ao ourensán Diego García. No minuto 30, Llorente, obrigou a Diego García a intervir cun despexe con puños. Escobar intentouno cun remate fronte a Oblak. No 40, un pase de Carrasco en profundidade a Morata tampouco consegue o obxectivo de iniciar o marcador. Fíxoo Markitos.
Markitos recibiu un balón en longo e con valor e técnica sorprendeu a Oblak cun remate alto. Espiñedo tremeu e os corazóns dos afeccionados verdes cantaban o gol. Porén, pouco durou este resultado. Nun balón parado Giménez foi derribado en área por Pol Bueso e o árbitro sinalou penalti, moi protestado polos espectadores. Con el, chegou o empate.
Segunda parte
A segunda metade iniciouse con moito ritmo. Ambos equipos acababan de marcar e o Atleti necesitaba ordes claras se quería repoñerse ante un Arenteiro que non paraba de loitar para facerse polo balón.
Barrios probou cun disparo que atallou Diego García e Morata inquietaba. Un novo e riguroso penalti a Carrasco sería o novo enfado de Espiñedo cara a arbitraxe de González Fuertes. Poñíase en dúbida a súa actuación dende as catro esquinas. Porén, o meta local non se deixou levar pola rabia nin polos nervios. Morata lanzou o penalti e Diego acertou o lado e parouno sen problemas. Vibrou de novo o campo.
O “momento Espiñedo” produciuse. Desexábase o gol do Arenteiro, o 2-1 que lle dese tranquilidade no torneo despois do penalti errado de Morata, pero o cansanzo físico dos locais xa se podía palpar e era complicado atacar a área do Atleti con Oblak á cabeza.
O terreo de xogo cada vez estaba en peores condicións.
Os branqui-vermellos tiveron ocasións no último cuarto do partido. Un centro de Carrasco rematouno Llorente e no 75, Reinildo acabou con centro a Morata e Diego García protagonizou outra gran salvada para o Arenteiro. Había trocos pendentes no C.D.A, pero antes de que puidesen realizalos, un zurdazo de Barrios dende a frontal, colouse pegado ao poste esquerdo dos locais. Gol para os visitantes que supuxo tristeza no Espiñedo, pero non silencio, porque a afección seguiu a animar.
Os de Javi Rei intentaron solventar a situación cun triple troco que achegase dinamismo ao encontro. Jordan, Romay e Álvarez entraban con pernas novas e o Cholo incluía tamén o cambio de Kondogbia por Lemar.
O CD Arenteiro xa non tivo moitas máis oportunidades para marcar. Co marcador no noventa, Carrasco puxo a guinda da súa vitoria cun novo tanto a porta baleira, sen que a defensa local nin porteiro lograsen facer nada.
Resumo
En conclusión poderíase destacar a actitude dos xogadores do C.D. Arenteiro, os seus valores e a humildade coa que chegaron ata onde están, sen deixar de ofrecer a súa máxima calidade en compromiso co club.
Por suposto, o abrazo cálido do público, o aplauso do final e notar que se apostou todo ao verde neste día para recordar. Non tocou o número da lotaría que xogaba o club, nin tampouco se levou o premio de ter ganado fronte ao Atleti, pero tanto afeccionados, xogadores, e todo o que hai detrás do Arenteiro, está máis que contento de ter vivido unha experiencia coma esta.
A actuación do árbitro foi discutida en varias ocasións e considerouse que buscaba prexudicar ao máis débil.
Palabra do Cholo
En rolda de prensa, o Cholo destacou que se esperaba un partido difícil, por como xogaron noutros encontros, pola ilusión e polos “futbolistas interesantes que teñen”. Indicou o adestrador: “gustoume o partido, con barro, con dificultades, cun a cero perdendo, co penalti, co penalti fallado, etc…” e finalizou a cunha sentenza: “o andar non foi tan simple como o resultado reflicte”.
Palabra de Javi Rey
O adestrador Javi Rey, que foi expulsado durante o encontro analizaba o partido así: “Unha pena ese 1-2. Parecía que o partido se ía ir a prórroga, pero moi contento co traballo dos xogadores. Competimos de tú a tú, cun equipo top a nivel mundial e estou moi orgulloso dos futbolistas”. Sobre a acción da expulsión comenta: “Moi fastidiado porque non fago absolutamente nada. O fácil é expulsar sempre ao de menor categoría, pero como di o dito, iso queda no terreo de xogo”.
Palabra de Llorente
O xogador do Atlético de Madrid, Marcos Llorente, cualificou ao CD Arenteiro como un rival duro: “Sabiamos que aquí no seu campo, con toda a súa xente ía ser moi duro… a verdade é que foi un partido moi loitado e desfrutei doutro tipo de fútbol que tamén vale e ao que hai que adaptarse.”
A destacar neste encontro, sinalou a oportunidade que tivo de falar durante cos xogadores e o seu respecto e actitude: “Son partidos onde están as chispas e a tensión ao límite e é de agradecer que xoguen ao fútbol e que tivesen esa actitude durante todo o partido”.
FICHA TÉCNICA
Arenteiro: Diego García, Germán (Adrián Cruz, 76’), Vitra, Pol Bueso, Joseca, Álex Fernández, Curro (David Álvarez, 79’), Pibe (Romay, 76’), Marquitos (Jordan, 76’), Manín (Rafa Mella, 79’) e Antón Escobar.
Atlético de Madrid: Oblak, Marcos Llorente, Giménez, Savic, Hermoso (Reinildo, 68’), Carrasco, Witsel, Koke (Alber, 68’), Pablo Barrios, Lemar (Kondogbia, 80’) e Morata.
Goles:
- C.D. Arenteiro: Marquitos (41’)
- Atlético de Madrid: Carrasco (45’) de penalti / Pablo Barrios (76’) / Carrasco (90’)
Árbitro: González Fuertes, do Comité de Árbitros de Asturias.
- C.D. Arenteiro: Expulsou ao adestrador local Javi Rey (21’) e ao delegado de campo (66’). Amoestou con cartón amarelo a Pol Bueso (44’), Escobar (85’) e Cruz (88’)
- Atlético de Madrid: Amoestou con cartón amarelo a Giménez (18’) Hermoso (48’), Morata (55’), Lemar (58’),
Agradecementos
A todos vós, aos que ledes as crónicas, apoiades ao CD Arenteiro a través das redes, no campo, na rúa e en calquera conversación.
Grazas por ser fieis ao templo de Espiñedo e por demostrar unha vez máis aos nosos xogadores que sempre poderán contar con un máis, o número 12, a afección.
Sigamos soñando xuntos.