O C.D. Arenteiro e o Zamora C.F. acaban en táboas antes do Nadal e no Espiñedo (1-1)

Os verdes tiveron que remontar unha primeira parte na que Caballé fixo sumar un gol aos visitantes. No C.D. Arenteiro, foi Álex Fernández quen anotou o tanto froito dun penalti a Escobar.

Esta foi a xornada número 15, a última da liga antes do Nadal. Porén, o C.D.A, ten un encontro pendente o xoves da semana que vén: a segunda eliminatoria da Copa do Rei fronte ao Atlético de Madrid.

Previa

O Zamora C.F. chegaba a terras carballiñesas con tres baixas no seu cadro: Dani Hernández, Jesús Rueda e Javi Barrio. O adestrador galego Yago Iglesias, volvía á comunidade para intentar plantarlle cara aos líderes. Con experiencia na categoría e en 2º B, o Zamora C.F. confía nel para situar ao equipo en postos de play-off. Javi Rey contaba coa falta de Curro e loitaba por manterse líder de inverno.

Primeira parte

A primeira parte veu determinada polo ritmo dun Zamora que se impuxo aos locais. Comezaron propoñendo toque de balón, con Altube xerando problemas para os centrais do C.D. Arenteiro. A Álex Fernández non se lle permitía avanzar co coiro como acostuma facelo e Jordan sufriu para facerse con el e intentar despegar algunha xogada. Ander tivo unha ocasión nos primeiros 15 min de partido grazas a un centro de Manu Viana que non logrou encaixar na portería de Diego García.

O terreo de xogo propiciaba que o Zamora CF apostara por balóns largos, mais o C.D. Arenteiro tampouco estaba cómodo. Adri Cruz intentou rematar un saque de curruncho pero non o conseguiu.

No minuto 24, unha nova xogada de Manu Viana desestabilizou aos verdes. Pola banda esquerda, chega á liña de fondo e centra por dúas veces. Na segunda delas, cáelle a Altube, o autor do pase do gol, do pase a Caballé.

 Tras anotar o tanto, percibiuse unha baixada de ritmo nos branqui-vermellos. As bancadas do Estadio Municipal de Espiñedo repregábanse contra a actuación do corpo arbitral e animaban incansablemente ao C.D. Arenteiro. Preto de chegar ao final da primeira parte, un centro de Joseca sorprende ao meta do Zamora C.F. que despexou na mesma escuadra a curruncho.

Segunda parte

A segunda metade deste encontro camiñou noutra dirección. Os de Javi Rey saíron ao campo con ganas de remontar o partido e percibiuse. A entrada de Romay veu ben ao xogo dos locais e Pibe conseguiu xerar máis perigo pola súa banda.

Destacou de novo Joseca atacando pola banda esquerda. Tivo unha das ocasións que fixo tremer a vitoria do Zamora e ilusionou a afección verde. Pouco despois, Mella materializou a boa dinámica que conseguira establecer o C.D. Arenteiro. Logrou encaixar un tanto que foi invalidado por man e levou cartón amarelo.

Non se rendeu o dorsal sete do C.D. Arenteiro que xogando con Jordan e Álex Fernández, volveu entrar na área do conxunto zamorano e malia non ter como resultado gol, lograron o segundo saque de curruncho para o C.D. Arenteiro.

O empate chegou no minuto 57. Unha falta a Escobar, a quenlla do C.D. Arenteiro, ocasionou unha posibilidade clara para os locais. Álex Fernández encargouse de tirar o penalti cara a cara con Iricíbar. Pensouno o ourensán, pero acertou de pleno anotando o seu terceiro gol no que vai de liga. 

Despois do empate, o porteiro do Zamora atrapa en dous tempos ante Escobar, co que se encara.  Joseca volve atacar cunha xogada perigosa  e cando o C.D. Arenteiro estaba en vías de facerse cos tres puntos, unha entrada fortuíta de Adrián Cruz supón a súa expulsión.

Os verdes quedan cun home menos e o equipo reprégase atrás. Javi Rey decide cambiar a estrutura de xogo cun 4-4-1. Recompón as súas liñas e entra Vitra para substituír a Markitos. 

Malia xogar cun home máis, o Zamora CF non foi capaz xerar perigo e parecía intentar manter o empate. Unha falta a prol dos branqui-vermellos con 5 xogadores do C.D. Arenteiro na barreira non lle permitiu tampouco entrar con forza. Antes de cumprirse os 90 minutos de encontro, Pana dispúxose a rematar un fóra de xogo que a defensa do C.D. Arenteiro despexou antes. 

Os do C.D. Arenteiro foron capaces de manter o empate cun home menos e na segunda parte souberon como solucionar as deficiencias que lle puideron supoñer o gol dos rivais no primeiro tempo. O Zamora C.F. non tivo moitas máis ocasión aproveitables, definíndose polos balóns largos pero con seguridade no terreo de xogo.

Resumo

Esta última xornada antes das festas de Nadal remataba cunha disputa entre dous fortes da competición. O C.D. Arenteiro non sumou tres puntos para afastarse máis do rival que lle vén pisando os pés, o Guijuelo (30 puntos),  mais segue líder con 32 puntos. Pola outra parte, o Zamora C.F. posiciónase no quinto lugar da táboa con 24 puntos, mais a evolución é positiva respecto aos resultados de inicio de tempada.

Palabra de Javi Rey

O adestrador do C.D. Arenteiro, Javi Rey, fixo análise en rolda de prensa da xornada 15: “é certo que na primeira parte non estamos cómodos en ningún momento, pero hai que valorar o que temos en fronte: un equipo de moitísimo nivel e feito para ascender”. Sobre a segunda parte, afirma que “cando mellor estabamos para lograr os tres puntos e intentar pornos por diante no marcador, chega a expulsión un pouco rigorosa de Adrián Cruz”.

No referente en chegar líderes ao parón, o adestrador nomeou a Fran Justo, que xa tiña este obxectivo e amosouse satisfeito por logralo: “hai que valorar moito o punto e é motivo de celebración chegar primeiros para o Arenteiro”.

Da eliminatoria fronte ao Atlético de Madrid, Javi Rey, recalca que esta semana debe ser desfrutada en cada momento: “Espiñedo e a vila do Carballiño ten que ser unha festa”.

FICHA TÉCNICA

CD Arenteiro: Diego García, Ger, Pol Bueso, Mella (Romay 66′) , Ález Fdez., Escobar (Manín 82′), Markitos (Vitra 71′), Pibe ( Álvarez 82′), Cruz, Joseca e Jordan.

Zamora CF: Iricíbar, Silva, Prada (Omiliana 87′), Juanan, Altube (Panadero 73′), Marc Caballé (Raul 87′), Ander (Ribeiro 64′), Manu Viana (Sancho 64′), Theo, Pereiro, Luismi, Theo e Luismi.

Árbitro: Leandro Carbajales Gómez, do comité asturiano.

Cartóns amarelos:

  • C.D. Arenteiro: Adrián Cruz (2), Rafa Mella, Pibe e Jordan
  • Zamora C.F: García, Sancho e Caballé

Leave a Reply