O C.D Arenteiro volve de Asturias cun punto máis

Os verdes non conseguiron impoñerse ante o U.P.Langreo no Nuevo Ganzábal na xornada 14 este domingo. O C.D. Arenteiro dominou a segunda parte pero non logrou encaixar o gol na portería custodiada polo capitán dos locais, Adrián Torre, tras varias oportunidades.

O resultado de empate deixa aos do Carballiño cun punto máis que os mantén en posición de líder, con 31 puntos, a 2 de diferencia do Guijuelo. O Langreo está en posicións de descenso, no lugar 16 da táboa.

O C.D. Arenteiro só obtivo unha derrota esta tempada ante o Compos. Na xornada anterior, foron os vencedores dun derbi fronte o Ourense.

Os asturianos perderon o encontro da semana pasada contra a Ximnástica Segoviana. Este partido foi o ultimo partido na casa dos locais. O estreado adestrador do U.P. Langreo, Javier Vázquez, en substitución de Roberto Robles dende o 22 de novembro, mantén a ilusión pese ao lugar do seu equipo en Segunda RFEF.

Primeira parte

Aos visitantes costoulles adaptarse ao terreo de xogo durante a primeira parte. Porén, unha primeira oportunidade xa a xerou Markitos ao inicio do encontro cun pase de Pibe que detivo o porteiro do U.P Langreo.

Os de Vázquez concentráronse de forma ofensiva na área do Arenteiro con perigo no sector esquerdo. Aos verdes costoulle controlar a posición de Jorge Hernández. Davo Fernández intentouno cara a portaría de Diego García pero a parella de defensas de Vitra e Pol Bueso conseguiron despexar os tantos. Joseca e Curro foron os que destacaron fronte a Torre.

O colexiado do comité castelán-leonés tivo que manter a compostura nun encontro caracterizado polas faltas. O C.D. Arenteiro pegaba forte cando se despregaba en ataque, mais unha falta a Arzalluz foi perigosa para os verdes. Diego intentou coller o coiro pero esvaróuselle e foi a defensa quen resolveu a situación.

Adrián Torre tamén tivo o seu protagonismo momentos despois. Cara o final do primeiro tempo, mesmo se puxo a regatear no campo. Gonzalo xogou con Davo que avanzou con verticalidade, pero non conseguiu centrar fronte a defensa do Arenteiro.

Segunda parte

Na segunda parte do encontro o C.D. Arenteiro saíu con máis forza ao terreo de xogo e mantivo o dominio do balón. Markitos realizaba un disparo perigoso e unha falta de Pibe que buscaba a escuadra marchou por riba do traveseiro. Doutra vez, un saque de curruncho a prol do Arenteiro vai parar directamente ás mans de Torre.

A reacción do Langreo foi xerar máis presión arriba. Antón Escobar, o maior goleador do Arenteiro, entrou xunto con Germán en substitución de Manín e Cruz, para fomentar o ritmo de xogo a favor dos locais.

Cara o final do partido, Chus Ruiz, incorporado ao partido neste tempo, tivo unha das oportunidades máis claras do U.P Langreo. Un fóra de xogo de Sánchez tamén xerou perigo, mais Diego García non permitía encaixar na súa portería.

O debut de Álvarez no C.D.Arenteiro chegou nos últimos minutos, onde os verdes foron protagonistas. Xa en tempo de desconto, Escobar fevoreceu un saque de curruncho que podería ter centrado en gol. Volveu o dianteiro de Nigrán a atacar cun remate que se foi contra o segundo pau e que parecía a última ocasión para os visitantes.

Curro tirou unha falta ,cando o colexiado miraba o reloxo para dar por finalizado, que foi directa a área e que colleu sen problema Torre.

Asi acabou o partido entre o líder, máis ofensivo na segunda parte, que se enfrontaba a  un Langreo que loitou por defenderse no Nuevo Gonzábal.

O adestrador Javi Rey

O adestrador do C.D. Arenteiro, Javi Rey, facía a análise do encontro na rolda de prensa: “hai que valorar de forma moi positiva o punto de hoxe. Faltounos ser un pouco máis incisivos” e remarcaba o potencial do equipo asturiano “o Langreo ten moi bos futbolistas e é anecdótico que estea nesta posición”. Aínda así, o novo adestrador dos verdes matizou tamén a diferenza entre ambas partes e destacou as oportunidades do Arenteiro no último tempo.

A próxima xornada o C.D. Arenteiro xoga no templo, en Espiñedo. Será o sábado fronte ao Zamora, situado nos postos altos da clasificación. Despois deste encontro, os de Javi Rey virarán todos os seus esforzos cara a esperada cita contra Atlético de Madrid.

FICHA TÉCNICA

UP LANGREO (0): Adrián Torre, Gonzalo, Alain, Keko Hevia, Samba, Joselu Guerra (David Sánchez, min 57), Jandro (Leo Kisun, min 69), Jorge Hernández (Chus Ruiz, min 69), Davo, Arzalluz e Juampe.

CD ARENTEIRO (0): Diego García, Jordan, Vitra, Pol Bueso, Joseca, Adrián Cruz (Germán, min 65), Curro, Pibe (Rafa Mella, min 77), Romay (David Álvarez, min 88), Markitos e Manín (Antón Escobar, min 65).

ÁRBITRO: Mazo Maruri, do comité de Castela e León. Amonestou con cartóns amarelos: U.P. Langreo: (12′) Guerra , (62′) David Sánchez , (70′) Keko Hevia, (90+4′) Gonzalo // C.D. Arenteiro: (13′) Curro (36′) Adrian Cruz e (52′) Jordan.

Leave a Reply