Saltar al contenido
Portada » Novas » Un tanto de diferenza decide o encontro en Lezama para un Arenteiro que mereceu máis

Un tanto de diferenza decide o encontro en Lezama para un Arenteiro que mereceu máis

Un tanto de diferenza decide o encontro en Lezama para un Arenteiro que mereceu máis

O Club Deportivo Arenteiro caeu por dous a un en Bilbao e regresou sen puntos, pese a unha boa reacción final co gol de Ochoa

O Club Deportivo Arenteiro chegaba a Lezama coa misión de recuperar sensacións fronte ao filial do Athletic Club de Bilbao. Baixo a dirección de Luis Vilachá, os verdes formaron con Diego na portería; Jordan, Lohr, Gorka e Llácer en defensa; Bastida, Aguza e Julen Jon na medular; e Ferreiro, De Camargo e Mingo como tridente ofensivo. O choque arrincou igualado, con ambos equipos medindo forzas: o Arenteiro trataba de aproveitar a súa mobilidade e boa ocupación de espazos en campo rival, mentres o filial vizcaíno amosaba atrevemento, velocidade e transicións moi rápidas.

A igualdade romperíase pasado o primeiro cuarto de hora, cando Aritz Conde anotaba o primeiro tanto da tarde. Un golpe duro para os verdes que, lonxe de baixar os brazos, continuaron competindo con empuxe nunha primeira metade na que o acerto non estivo do seu lado.

A segunda parte mantivo o esforzo e o compromiso dos carballiñeses, aínda que sen a precisión necesaria nos metros decisivos. Conde e Buján convertéronse nas maiores ameazas do Athletic, obrigando os galegos a manter unha estrutura defensiva moi ordenada. Moreno e Cuéllar deron aire fresco polos costados, buscando máis profundidade e desborde con dous futbolistas de perfil claramente ofensivo. O Arenteiro non lle perdeu a cara ao partido en ningún momento, intentando mudar unha dinámica que seguía resultando adversa.

O traballo do conxunto visitante non atoparía o seu merecido premio. Pola contra, sería o equipo vasco quen ampliaría a súa vantaxe grazas ao tanto de Ibon Sánchez no último cuarto de hora. Brais, Ochoa e Eliseo sumaron enerxía dende o banco nun tramo final moi esixente. O premio parcial chegou cun gol do dianteiro rioxano, que recurtou distancias e mantivo viva a esperanza ata o pitido final.

Un esforzo notable pero insuficiente para un Arenteiro que regresou de baleiro de Lezama, coa sensación de ter feito méritos para máis.

Noticias relacionadas