O conxunto verde mantén a súa dinámica de xogo e resultados e superou a Osasuna Promesas cos goles de Bastida e Adilson no último encontro de 2025.
O CD Arenteiro poñía punto final ao ano 2025 en Espiñedo cun partido clave para afastarse das posicións perigosas da clasificación ante Osasuna Promesas. O equipo de Jorge Cuesta saía ao terreo de xogo cun once de garantías, no que Cuéllar regresaba á titularidade sobre unha base xa consolidada nas últimas xornadas.
Os primeiros minutos estiveron marcados por unha alta intensidade, cos locais levando a iniciativa tanto no xogo como nas ocasións máis claras. A primeira chegou nunha gran acción individual de Cuéllar, que finalizou cun disparo cruzado que se marchou fóra por moi pouco. Pouco despois, unha chegada colectiva remataba nun pase da morte ao corazón da área ao que Adilson non chegaba por centímetros. O xogo áxil e ofensivo dos verdes superaba por momentos a resistencia de Osasuna Promesas, que trataba de responder con envíos directos á área de Alvin, sen éxito grazas ao bo traballo defensivo do Arenteiro.
A ambición e a proposta ofensiva dos de Cuesta tiveron recompensa co primeiro gol do encontro. Bastida asinaba un auténtico golazo cun zurdazo á escuadra, imposible para Stamatakis, facendo xustiza ao dominio local. A primeira metade mantívose vertixinosa e chea de opcións para o Arenteiro, que estivo moi preto de ampliar a vantaxe nunha espectacular carreira de Adilson polo carril central, con recorte incluído e un disparo ao traveseiro. A única nota de perigo visitante chegou nun lanzamento de falta directa de Arroyo que se marchou alto sobre a meta defendida por Alvin.
A segunda parte comezou cun guión máis equilibrado, con ambos equipos buscando as súas opcións en ataque. Osasuna Promesas incrementou a súa presenza en campo rival, obrigando á defensa local a pechar espazos con eficacia. O colexiado anulaba con acerto un tanto do conxunto navarro, mantendo a incerteza no marcador. Os locais deron un paso adiante na procura do segundo gol, aproveitando a amplitude do campo e a velocidade de Cuéllar e Adilson ao espazo.
Co paso dos minutos, o dominio repartíase e o partido gañaba en esixencia. A entrada de Dani González e Martín Ochoa achegou frescura e enerxía ao equipo. E foi precisamente nese momento de maior empuxe visitante cando o Arenteiro soubo golpear de novo. Nun contragolpe perfectamente executado, Cuéllar asistía con precisión a Adilson, que non perdoaba no man a man para facer o 2-0 definitivo.
A vantaxe duplicada deu tranquilidade a un Arenteiro que seguiu competindo con ambición ata o final, defendendo con carácter unha vitoria de quilates. Espiñedo despedía o ano do mellor xeito posible, entre aplausos e coa sensación dun equipo en clara liña ascendente.



