O conxunto verde asinou unha gran vitoria por un gol a tres fronte a un dos máximos aspirantes ao ascenso. Dous tantos de Mingo e un de Bastida cimentaron un triunfo de enorme mérito.
O Club Deportivo Arenteiro saltaba ao céspede de El Toralín coa ambición de asaltar o campo dun dos grandes candidatos ao ascenso. Jorge Cuesta apostaba por un once de garantías para medir forzas cunha Deportiva necesitada de reacción. A primeira metade foi intensa, igualada e moi esixente tanto no plano físico como no táctico. Os de Carballiño procuraban ter protagonismo co balón, equilibrando esforzos ante un rival máis directo, que atopaba en Cortés a súa principal ameaza ofensiva.
O paso dos minutos deixou ocasións en ambas porterías, aínda que o bo traballo defensivo e as intervencións de Abajas baixo paus impediron que os locais tomasen vantaxe. O esforzo colectivo do Arenteiro viuse reforzado cando, na ocasión máis clara da primeira parte, a Deportiva erraba un lanzamento desde o punto de penalti, sinalado tras unha acción de Alpha.
As espadas seguían en todo o alto tras o descanso. Nun envío desde campo propio, Ferreiro executaba un toque maxistral, de auténtica escola, que deixaba o balón nos pés de Mingo. O dianteiro definiu con frialdade ante o porteiro rival para facer o primeiro gol da tarde. Un premio xusto ao bo traballo dos de Cuesta, que apenas uns minutos despois volverían golpear: o propio Mingo ampliaba a vantaxe ao remachar á rede un balón solto na área tras varios intentos de despexe da defensa. Anticipación, testarazo e 0-2 no marcador.
O encontro entrou entón nun tramo de ida e volta, cunha Deportiva que adiantaba liñas e buscaba recurtar distancias, e cun Arenteiro sólido, solidario en defensa e sen renunciar en ningún momento á meta rival. Froito desa ambición chegaría o terceiro tanto, obra de Bastida, que culminaba unha recuperación en campo contrario cunha magnífica vaselina sobre o porteiro.
O gol de Sergio Benito, único dos locais, non empañou unha vitoria sobresaliente dun Arenteiro que regresou á senda do triunfo da mellor maneira posible, conquistando El Toralín con autoridade e personalidade.



