Saltar al contenido
Portada » Novas » O Arenteiro gaña con merecemento e Espiñedo volve sorrir

O Arenteiro gaña con merecemento e Espiñedo volve sorrir

O Arenteiro gaña con merecemento e Espiñedo volve sorrir

O conxunto verde regresou á senda da vitoria en casa. O gol de Mingo puxo a guinda a un partido moi traballado e de mérito para os homes de Jorge Cuesta.

O CD Arenteiro volvía ao Municipal de Espiñedo coa obrigación de sumar diante do CF Talavera ,rival directo pola permanencia. Once de garantías para un encontro esixente e un estadio completamente unido co equipo desde os primeiros compases. Os de Cuesta impuxeron axiña unha proposta ofensiva, instalándose con decisión en campo rival. Xogo directo, chegadas constantes e ocasións claras para uns verdes que foron donos absolutos da primeira metade.

Mingo rozou o gol en dúas accións de moito perigo: primeiro, cun remate raso que o porteiro salvou baixo paus, e pouco despois cun cabezazo certeiro que o gardameta visitante volveu desbaratar cunha intervención de moito mérito. O dominio crecía co paso dos minutos, con presenza constante polos dous costados. Mingo e Adilson lideraban a punta de ataque, mentres Ferreiro, William e Diego Moreno destacaban como xeradores de centros e ocasións.

A entrada de Alpha por Jordan reforzou aínda máis o carril dereito, ofrecendo profundidade e superioridade na área do Talavera. As oportunidades seguían chegando e Mingo gozou dunha máis a balón longo, pero o marcador mantíñase inalterado ao descanso.

A segunda metade continuou coa mesma liña: intensidade, control e ambición por parte dun Arenteiro que levaba o peso do encontro. Dani González e Cuéllar incorporábanse ao xogo, mentres o rival optaba por reforzar a defensa cunha liña de cinco homes, tentando pechar todos os espazos.

O premio, merecido, chegaría traspasado o ecuador do segundo acto. Nun saque rápido de falta na frontal, o centro raso atopou a Mingo, que esta vez non perdoou e enviou o balón ao fondo da rede. Gol buscado, gol atopado. O 1-0 facía xustiza ao visto durante todo o partido.

Co marcador a favor, o conxunto carballiñés mantivo a ambición e buscou ampliar a vantaxe, á vez que defendeu con oficio cada ataque visitante. Finalmente, o resultado non se movería.

Espiñedo volvía sorrir. Tres puntos de ouro que quedan na casa, sustentados nun partido completo e de gran traballo colectivo.

Noticias relacionadas