O CD Arenteiro caeu por 0-2 ante un CD Lugo máis eficaz. Os de Cuesta remataron o encontro con dez tras a inexplicable expulsión de William.
Partido de máxima intensidade no derbi galego disputado en Espiñedo. Jorge Cuesta apostaba por un once de garantías, cunha estrutura clásica para medir forzas fronte a un dos grandes aspirantes ao ascenso, o CD Lugo. Os primeiros minutos estiveron marcados polo ritmo alto, cun Arenteiro que chegaba máis e mellor que o seu rival, xerando perigo mediante un xogo rápido e directo sobre a área visitante. O bo traballo de Ferreiro, Mingo e Cuéllar permitía desbordar as liñas rivais con conducións verticais e centros cruzados.
O conxunto local acumulaba as aproximacións máis claras, dominando tanto polos costados como polos carrís centrais. A iniciativa pertencía en maior medida a un Arenteiro incisivo, aínda que o CD Lugo foi gañando metros co paso dos minutos. Os de Iglesias apostaban pola velocidade dos seus homes de ataque a través do xogo directo, renunciando ao control e á posesión prolongada.
O encontro mantívose nunha loita constante e sen tregua. Brais Val e Cuéllar dispuxeron de ocasións para os verdes, mentres que Presa e Unzueta avisaban para os visitantes, nun choque que non perdía intensidade. A presión alta dos de Carballiño dificultaba a saída de balón do Lugo, incapaz de xerar superioridades na construción, mentres o Arenteiro avanzaba liñas con ambición e calidade. Brais Val estivo moi preto do gol cunha volea desde o corazón da área, e o equipo seguía levando a iniciativa nun partido de ida e volta, con posesións curtas e ataques vertixinosos polos costados.
A igualdade mantíñase no xogo, aínda que o Arenteiro gañaba nos puntos en canto a chegadas. Xa preto do descanso, Jaume Cuéllar non acertaba por centímetros nun remate claro e, na acción seguinte, Balboa si que aproveitaba unha contra para adiantar ao CD Lugo cun disparo que acabou no fondo da rede.
A segunda metade comezou con movementos en ambos equipos. No Arenteiro entraban Adilson, Llácer e William para reforzar o esforzo colectivo. Porén, a expulsión de William por protestar, tras dúas tarxetas amarelas consecutivas, deixou sen efecto a súa entrada e obrigou aos locais a competir en inferioridade numérica. Con dez xogadores, os verdes realizaron un esforzo encomiable para abarcar espazo e metros na procura do empate. Moya e Ochoa tamén ingresaron no terreo de xogo, e Cuesta esgotou as súas opcións ofensivas.
Malia á entrega e á loita, sería de novo o CD Lugo quen golpearía, cun tanto de Pastrana que ampliaba a vantaxe tras gañar a acción a Eliseo pola banda dereita e finalizar con acerto. O 0-2 supuxo un duro golpe para os intereses locais, que se viron abocados a unha empresa case imposible.
A pesar da brega e do esforzo ata o último minuto, a vitoria marchou para Lugo nunha tarde desafortunada para un Arenteiro que competiu, pero pagou caro a falta de acerto.


