O Arenteiro tras meses invicto non consegue sumar (0-1)

O C.D. Arenteiro, xa campión e en 1º RFEF, non obtivo nigún punto nesta xornada contra o Langreo. Durante a primeira parte e máis seguros no terreo de xogo, os verdes parecían estar por riba pero todo apuntaba ao empate. Porén, despois do descanso, os asturianos impuxéronse cun gol de Bayo que sentenciou o encontro. Esta foi a segunda derrota en liga do equipo e a primeira dende a incorporación de Javi Rey.

Previa

O C.D. Arenteiro celebrou durante toda semana o ascenso certificado o pasado domingo no Couto fronte ao Ourense C.F. Con 67 puntos na clasificación a falta de catro xornadas, os de Javi Rey afastábanse 13 do Real Avilés C.F. No Carballiño non se falaba doutra cousa. A vila vestiuse de verde.

A U.P Langreo atopábase noutra situación antes de chegar a terras galegas. No duodécimo lugar da táboa, viñan de catro xornadas sen ser derrotados. O partido fronte o C.D. Arenteiro era importante para manterse e posicionarse ante un Ourense C.F. que lle pisaba os pés. A semana pasada, o resultado da vitoria foi un 3-1 na casa fronte a Gimnástica Torrelavega.

Primeira parte

O encontro comezou cunha honra aos campións. O equipo visitante realizou un merecido corredor aos verdes, que sentiron a calor da afección dende o primeiro momento.

Cun once pouco habitual, os de Javi Rey xeraron perigo da mesma forma ao inicio. Fixérono a través de Romay, cun disparo que foi alto e de Manín no minuto 11, que tampouco logrou estrear o marcador no templo. Mario tivo que saír do terreo de xogo uns minutos por molestias no nocello pero reincorporouse para xogar os 90.

Por parte do Langreo, foi Bayo quen tivo maior protagonismo. A máis clara no minuto 18. Lanzou cara a portaría de Adrià, que despexou o coiro e recibiu o aplauso de Espiñedo.

A piques de chegar ao descanso, o C.D. Arenteiro intentou aproveitar un saque de curruncho sen éxito. Poucas oportunidades de ambos equipos durante a primeira parte.

Descanso

O descanso desta xornada número trinta foi especial para un par de grupos distinguidos da afección. O presidente, Argimiro Marnotes, baixou ao terreo de xogo para outorgar un pequeno recoñecemento en forma de medallas serigrafiadas a Mateo, en representación daqueles que se sitúan na parte superior das bancadas e fan tremer Espiñedo. Tamén as recibiron Darío e Milito como caras visibles de Tropas de Flores, un conxunto de siareiros que comezan fóra do campo a crear ambiente con vingalas e petardos e continúan dentro. Xusto detrás da portaría,están presentes en cada xogada dos verdes e fanse notar.

Segunda parte

Ao retomar o partido, Javi Rey decidiu incluír novos nomes. Pasados escasos dez minutos, saíron á palestra Joseca e Lamelas substituíndo a Cruz e Pol Bueso. 

O claro aviso do Langreo chegou no minuto 62. Chus Ruiz púxollo fácil a Luis Sánchez para que se lucise fronte Adrià. Porén, respiraron tranquilos o verdes cando viron que o balón se fora por pouco.

Non tardou o conxunto langreano. Arzalluz aproveitou un pase de Póveda, foise da defensa verde e asistencia para Bayo. O 17 apareceu para disparar cara o gardameta local. Gol do Langreo, 0-1 no minuto 69.

Cara o final do partido, apertaron os verdes. Rafa Mella intentouno coa cabeza xa nos últimos minutos, pero non logrou determinar o empate. Non sumaron os verdes, como adoita ser habitual, pero non se deixaron de levar o aplauso da afección.

A próxima fin de semana, ao C.D. Arenteiro tócalle viaxar ata Zamora. O Langreo continúa décimo terceiro malia a vitoria e o sábado enfrontarase ao Real Avilés.

FICHA TÉCNICA

CD ARENTEIRO: Adrià, Mario, Ger, Pol Bueso (Joseca, min 63), Álex Conde (Markitos, min 69), Rafa Mella, Cruz (Lamelas, min 63), Pereiro, David Álvarez (Escobar, min.68), Manín (Pibe, min 68) e Romay.

UP LANGREO: A. Torre, Nacho López, Gonzalo, M. Arzalluz (Jorge Hernández, min 87), O. Póveda (Kisun, min 78), Bayo MBen, Chus (Quejeiro, min 82), Luis Sánchez (Cedenilla, min 87), Joselu Guerra, Keko Hevia e Juampe.

Árbitro: García de la Loma, do comité de Castela e León.  Amonestou con tarxetas amarelas no C.D. Arenteiro a Pol Bueso e Escobar.

Leave a Reply