Un #DerbiTermal no que o C.D.Arenteiro foi gañador (1-0)

O encontro entre o C.D.Arenteiro e o Ourense C.F. supuxo o primeiro derbi ourensán na 2ºRFEF. Os verdes seguen líderes en solitario cun gol no primeiro tempo de Antón Escobar. A celebración da vitoria veu acompañada do anuncio nun novo integrante no equipo do polbo mecánico: David Álvarez. Pola outra banda, os da Cidade das Burgas mantéñense en postos de descenso tras ser derrotados por cuarta vez consecutiva despois desta décimo terceira xornada.

O partido e o resultado do mesmo foi un reflexo da clasificación. Os xogadores do C.D. Arenteiro, xa asentados na categoría, fixeron valer a súa experiencia e dominaron fronte aos novatos en 2º RFEF, o Ourense C.F.

Xeo e fútbol

O terreo de xogo estaba cuberto por unha capa de xeo que manifestaba as baixas temperaturas que se están a rexistrar na provincia nos últimos días. Porén, o Espiñedo recibía aos veciños ourensáns e á eterna afección carballiñesa en horario matinal. As bancadas enchéronse antes xa das 12:00h, cando se iniciaba o partido, e algunhas raiolas de sol aparecían para dar os bos días.

Novos comezos

O C.D.Arenteiro comezou presentando a David Álvarez, o seu novo fichaxe. Nado en Vigo, con 22 anos, formado na canteira celtista, vén de xogar no equipo portugués Guimaraes J23. Nesta xornada permaneceu na bancada dos locais.

Tamén recibiu a marea verde na casa ao recente chegado entrenador, Javi Rey, que asistía ao seu primeiro cara a cara no Espiñedo tras colleitar a vitoria da semana pasada en Burgos.

O primeiro tempo, do Arenteiro

O inicio do derbi estivo marcado polo ritmo do C.D. Arenteiro. Nos primeiros minutos, foi un esvarón de Diego García a causa do xeo que afectaba a súa área, o único susto para o conxunto carballiñés. A defensa ourensá non era capaz de frear aos verdes, que intentaban xogar en todo momento no centro do campo e dominaban o coiro. Hugo Sanz tivo que loitar por facerlle fronte a un Agustín Pastoriza que corría pola banda intentando xerar algunha ocasión de gol.

O andaluz Joseca case o consegue pola dereita, despois de centrar un tanto que derivou en saque de curruncho que intentou rematar Romay pero que se atopou coas mans de Marqueta. Outro saque de esquina foi unha  nova oportunidade para os verdes. Así ata catro córners consecutivos que non se saldaron con éxito pero que amedrentaron aos da capital.

Finalmente, o gol foi obra de Antón Escobar cara o minuto vinte do encontro, grazas ao centro de Álex Fernández. Tras dous intentos, Marqueta non foi quen de deter o disparo do dianteiro do C.D. Arenteiro.

Nin Rubén Sánchez nin Iago deron controlado o manexo do coiro por Álex Fernández, mais Isra Pérez trataba de poñer fin ás carreiras de Joseca e ao xogo de balón de Markitos.

Cara o final deste primeiro tempo, o zurdo ourensán, Hugo Sanz, tratou de encaixar o empate que parou Diego García. O adestrador do Ourense C.F. decidiu realizar un troco para cambiar a dinámica. Iván Guerrero ocupou o lugar de Varela. Os locais tiveron un par de oportunidades de Pibe e Markitos pero non conseguiron chegar a sumar.

Os locais en calma tras o gol

No segundo tempo, os de Domínguez comezaron máis fortes e con maior actividade na área do C.D. Arenteiro. Gabri Palmás, acorralado durante todo o partido por Pol Bueso, pasados menos de quince minutos, xa tiraba con forza o esférico a Diego García, que se adiantou para impedir o gol. Foi a ocasión máis clara para o equipo visitante. A chegada de Arribas e Amin dotaron ao Ourense C.F. de maior capacidade ofensiva.

Os verdes baixaron a intensidade despois de ter o marcador ao seu favor e xogaban a tocar o balón con menos dinamismo. Quixeron anotar un novo tanto aproveitando a falta de Tiago a Pibe que lanzou Jordan con intención de bater polo primeiro pau. Manín tivo tamén varias ocasións para marcar no encontro, pero non atinou.

O Ourense C.F. intentaba acelerar nos últimos metros, mais non era quen de facelo. Ger e Vitra despexaban calquera oportunidade de remate, aínda que Arribas xeraba inquedanzas no conxunto carballiñés. O Ourense tratou de conectar cun Tiago que podería ser determinante pero parecía estar fóra do partido.

Dous camiños na táboa

Os de Domínguez non puideron contar neste partido con Portela, Manu Rodríguez e Jerin Marcolino. Volven á casa sen sumar puntos e posiciónanse na táboa no décimo cuarto lugar (15 p.).

O C.D. Arenteiro mantense líder solitario da categoría, con 30 puntos. O próximo encontro será contra a UP Langreo en Asturias. Os de Javi Rey desprazaranse ata alí o día 11 de decembro e o partido está programado tamén para as 12:00h.

Javi Rey, orgulloso pero non confiado

O adestrador do C.D. Arenteiro destacou da xornada de hoxe que “na 2ºRFEF pechar os encontros é moi complicado. Faltounos ter tranquilidade no último terzo do campo.”. Porén, destacou positivamente as habilidades dun equipo cunha boa base do método de traballo de Fran Justo: “moi bo balón parado, moi bo equipo ás contras, defendemos ben a situación, moi bo equilibrio, moi boa vixilancia…”.

Sobre o futuro apuntou: “desfrutar hoxe, mañá pensar xa no Langreo porque isto non para. Hai que seguir traballando nesta liña para que sigan chegando bos resultados”

FICHA TÉCNICA

CD ARENTEIRO (1): Diego García, Jordan, Ger, Pol Bueso (Vitra, min 78), Joseca, Álex Fernández, Curro, Pibe, Romay (Manín, min 70), Markitos (Rafa Mella, min 78) e Antón Escobar (Adrián Cruz, min 89).

OURENSE CF (0): Marqueta, Isra Pérez (Borja Domingo, min 79), Tafa, Ebuka, Hugo Sanz, Varela (Iván Guerrero, min 33), Nacho Fariña (Arribas, min 62), Rubén Sánchez, Tiago, Alberto Gil e Gabri Palmás (Amin, min 62).

GOL: 1-0, min 18: Antón Escobar.

ÁRBITRO: Figueiredo Comesaña, do comité de Vigo. Amonestou con cartóns amarelos no C.D. Arenteiro a Álex Fernández, Germán, Antón Escobar eAdrián Cruz. No Ourense C.F. a Kanteh

Leave a Reply