O Arenteiro lévase a vitoria no Derbi Galego (0-1)

Lugo: Lucas Díaz, Torrado (74′ Carlos Julio), Gorka Pérez, Castrin, Javi Vázquez, Ojeda (70′ Antonetti), Jozabed (21′ Aguza), Narro (45′ Fuentes), Antoñín (70′ Aranda), Quintana, Ledesma.

Arenteiro: Diego García, Jordan (80′ Pol Bueso), Javi Moreno, Ger, Álvaro Ramón, Vitra (72′ Tiago), Esquerdo, Markitos (35′ Iván Ramos), Chacón, Pibe (80′ Miku), Manín (72′ Romay).

Xornada inesquecible (outra máis) para o Clube Deportivo Arenteiro, quen acadou a primeira vitoria da súa historia lonxe do Espiñedo na Primeira RFEF. Vitoria a domicilio que os nosos xa merecían desde fai tempo, pero o fútbol, tan caprichoso como fermoso, decidiu que fora no Derbi Galego ante os nosos veciños do CD Lugo.

Os Verdes foron completamente superiores na primeira metade, chegando a afirmar o noso adestrador que ‘foron os mellores primeiros 45 minutos da tempada e desde que estou no cargo’. Non obstante, non fomos quen de facer o 0-1 a pesar das grandes ocasións, destacando as de Iván Ramos e Chacón. Cabe resaltar a lesión de Markitos, que tivo que saír en padiola e entre bágoas. ‘Debemos agardar a resonancia e desexarlle moita sorte’ afirmou Javi Rey.

Despois do paso polos vestiarios o equipo do Carballiño volveu avisar, de novo por mediación de Chacón. Pero no minuto 58 os de Javi Rey xa non avisaron máis e Iván Ramos fixo o tan merecido primeiro tanto. Pouco despois a madeira rexeitou o que sería o 0-2 para os nosos.

No tramo final, e como é lóxico, o guión do encontro virou e os de Munitis ameazaron a porta do Arenteiro. Mais un gran Diego García e a madeira evitaron a igualada local.

O Arenteiro acada os 20 puntos en 14 xornadas e entra no TOP 10 da Primeira RFEF, a clasificación máis alta da historia do clube.

Recibiremos ao CE Sabadell o vindeiro domingo ás 19:00 horas no Espiñedo.

Leave a Reply