C.D. Arenteiro – Marino de Luanco: unha vitoria máis cerca da meta (1-0)

O C.D. Arenteiro segue facendo soñar. Os siareiros e siareiras xa falan do ascenso a Primeira Federación e non é para menos observando os resultados do equipo. Esta xornada en Espiñedo contra o Marino de Luanco sumaron tres cun 1-0 froito dun gol de Álex Fernández ao cuarto de hora de partido. Os verdes póñense con 60 puntos na clasificación na que xa acostuman ser líderes.

Previa

O Club Marino de Luanco chegaba a terras carballiñesas cun total de corenta puntos despois da derrota da pasada semana ante a Ximnástica. En oitavo posto da táboa e preto da zona de promoción, a 3 do Zamora, os de Jose Manuel Menendez loitaban por unha vitoria para intentar alcanzar ao seu rival máis próximo e situarse en play-off.

Os verdes regresaban a Espiñedo tras o empate da anterior xornada contra o Rayo Cantabria (2-2). O C.D. Arenteiro, líder indiscutible da tempada, acadaba a suma de 57 puntos na clasificación cunha soa derrota. Esperábase unha tarde solleira e que os máis pequenos acudisen de novo ao templo. O club repartiu desta vez 650 entradas  entre os centros educativos da contorna. Despois deste encontro, quedan tres xornadas na casa.

Primeira parte

Os de Javi Rey deixaron claro dende o primeiro momento quen ía marcar o ritmo do partido. O equipo asturiano optou por defender e intentar facer fronte ao C.D. Arenteiro tirando de xogadores como Matador e Lora. Porén, o gol chegou pronto.

Ao cuarto de hora, Álex Fernández aproveitou un centro de Romay que mandou a portaría. Non foi Prado capaz de parar o balón antes de que chegase a Buru. O gardameta visitante, malia que se lanzou a intentalo, tampouco puido facer nada. O coiro ía alto e directamente dentro.

O Club Marino de Luanco quería seguilo intentando despois de ver o marcador na súa contra. O Arenteiro non estaba disposto a facer outra cousa que non fose manter a vitoria.

Cárcaba intentouno pero non tivo sorte e os verdes seguiron facendo o que mellor se lle dá, aproveitar as ocasións. Xurdiu de novo do capitán. O dorsal número 8 intentouno cun disparo de falta e na xogada seguinte foi Adri Cruz quen quixo sumar dende o córner.

Segunda parte

A segunda parte comezaba cun troco no C.D. Arenteiro. Pibe abandonaba o terreo de xogo despois de ter un cartón amarelo durante os primeiro tempo e incorporábase David Álvarez ao 11 de Javi Rey. Porén, a dinámica seguía a ser a mesma: un monólogo dos locais.

Curro destacaba na súa posición e foi quen de outorgar un balón que Markitos aproveitou para amedrentar a Buru. Álex Fernández quería conseguir outro gol dende unha falta que Ger mandou a portaría. Malia os intentos e o dominio do C.D. Arenteiro, o marcador non se movía.

O gardameta dos visitantes permanecía en tensión continua mentres Diego apenas debía intervir. Foi un tiro de Escobar quen preludiaba un final de partido favorable, malia rematar nas luvas de Buru. Manín tamén avanzaba cara área rival nos últimos minutos, pero o resultado mantívose inalterado.

1-0 para o Arenteiro, que agora se afasta 13 puntos do Guijuelo, segundo clasificado e xa prepara a súa viaxe ao Vero Boquete a próxima fin de semana. Ao C.D. Arenteiro, que solicitou 1.000 entradas para a súa afección, outorgáronlle 800. Porén, espérase que parte do estadio se tiña de verde.

Palabra de adestrador

Javi Rey, adestrador do C.D. Arenteiro, está orgulloso do que está a conseguir o club: “No fútbol actual e nunha liga difícil como a 2ºRFEF o que está facendo este equipo  parece normal e non o é. Hai que darlle moito valor ao que está facendo esta plantilla, esta directiva e esta afección.”

Sobre o encontro contra o Marino de Luanco destacou a superioridade do Arenteiro: “Creo que ten moito mérito que un equipo que está cerca de pelexar o play off e non nos fixera un tiro a portaría e fala do bo traballo do Arenteiro a día de hoxe”. Javi Rey tamén asegurou que buscaba o 2-0 para “ter máis tranquilo o final de partido”. O adestrador salientou que “o equipo non se rendeu en ningún momento e no 80-85 seguiu atacando”.

O próximo partido en Compostela defíneo como unha “festa do fútbol galego”. Para o C.D. Arenteiro é un rival directo contra o que xa xogaron a Copa Federación e supuxo a única derrota de liga. Javi Rey afirma que malia que esta semana non querían falar do Compostela, despois da vitoria contra o Marino toca afrontar unha semana “moi bonita”: “Creo que o Arenteiro se merece vivir partidos como o que vai vivir o domingo no Vero Boquete. Vai haber moito ambiente, vaise desprazar moita xente de Carballiño e a verdade é que a motivación é moi grande. Estamos desexando que chegue o partido do domingo”.

FICHA TÉCNICA

CD ARENTEIRO (1): Diego García, Jordan, Germán, Vitra, Joseca, Álex Fernández, Curro (Manín, min 80), Pibe (David Álvarez, min 46), Romay (Adrián Cruz, min 66), Markitos (Rafa Mella, min 66) e Antón Escobar (Álex Conde, min 89).

 MARINO DE LUANCO (0): Buru, Borja, Miguel Prado (Adolfo, min 73), Merayo, Guaya, Nacho Matador, Lora, Guille Pinín (Iván Fernández, min 73), Óscar Fernández (Luis Nuño, min 73), Vanderson (Diego Díaz, min 89) e Cárcaba (Guille Cueto, min 89).

ÁRBITRO: Ruiz Martín, do comité cántabro.

Leave a Reply