O C.D. Arenteiro imponse ao Vetusta e celébrao coa súa afección como na casa (0-1)

A xornada vixésimo primeira fronte o filial do Real Oviedo supuxo unha vitoria máis a domicilio para os verdes. Sumouse á racha de doce partidos gañados e sete empates que xa forman parte da historia do club en 2º RFEF. O gol da quenlla Antón Escobar e o paradón de Diego García ao penalti de Mosca desataron os berros e a ilusión das moitas persoas que se desprazaron ata Oviedo para apoiar aos nosos.

Previa

Os pupilos de Jaime Álvarez sumaban nas últimas cinco xornadas catro vitorias e un empate. O Vetusta situábase antes do encontro contra o C.D. Arenteiro a cinco puntos do playoff e oito por riba do descenso.  O equipo local contaba cunha baixa por lesión de Víctor Blanco, un centrocampista importante para os azuis. Miguel Berlanga, Pelayo García e Javi Moreno tampouco poderían estar presentes no once inicial.

O C.D. Arenteiro ten marcado o día 30 de abril de 2022 no calendario como a súa última derrota a domicilio. Os de Javi Rey encóntranse dende hai tempo no mellor posto da clasificación e a afección verde motiva aos xogadores en cada partido para fomentar a ilusión dun posible ascenso. Os resultados do C.D Arenteiro levaba dous empates e tres vitorias nas últimas pasadas cinco xornadas.

Primeira parte

A primeira parte destacou polo dominio co C.D. Arenteiro fronte a un Real Oviedo Vetusta que non era capaz de sobrepoñerse no Requeixón. Nos primeiros minutos, unha falta que tirou Pibe puido supoñer o primeiro dos perigos  para os locais. O arxentino buscaba encaixar un disparo que acabou por golpear na cabeza de René.

Ambos equipos non atacaban en exceso e o coiro rodaba polo campo sen grandes acontecementos. Os de Jaime Álvarez non lograban encontrar a xogadores do centro e a iniciativa do Arenteiro reflectíase en posesión pero sen ocasións claras.

A primeira do Vetusta intentouna xerar Izan, que a puxo sen éxito, pois os verdes non deixaron rematar a Masca. Non quedaría o portugués tranquilo porque pouco despois avanzou cara Diego García nunha contra. O porteiro visitante derribouno e que o colexiado sinalou penalti mentres un dos verdes estaba tombado no terreo de xogo. As protestas pola decisión derivaron en dobre expulsión para a bancada técnica do C.D. Arenteiro.

Porén, o gardameta ourensán fixo o que mellor se lle da: manter a portaría do seu equipo a cero. Parou o coiro entre as súas mans tras o disparo de penalti de Masca e toda a afección carballiñesa presente púxose en pé para celebralo. Despois do penalti errado, unha acción moi perigosa de Markitos que rematou por ir fóra xerou tensión no Requexón.

Os asturianos intentaron reverter a situación cunha bóla posta por Miguel que non consegue rematar ningún compañeiro e un disparo de Álex que marchou demasiado alto.  

Segunda parte

O segundo tempo do encontro estreouse co gol da vitoria no minuto 47. Foi unha acción de Escobar que cun toque de balón gañou distancia a Lucas Laso e aproveitou o erro na defensa. Tremeu a grada dos verdes grazas ao máximo goleador do C.D. Arenteiro. Tras anotar o tanto, os de Javi Rey xogaban con vantaxe fóra da casa e pretendían amarrar a vitoria.

Por outro lado, os do Vetusta buscaban con máis ímpete encaixar o esférico. Arredor do minuto 60, os de Javier Álvarez tiveron o seu protagonismo e mellor momento no que ataque se refire.  A xogada máis perigosa foi a de Sesé que rematou con pouca precisión Miguel Cuesta e non chegou a entrar. Outra tamén foi pola banda de Sesé permitindo a Charbel entrar na área do rival.

O C.D. Arenteiro foi quen de superar a inquedanza e mantíñase firme para solucionar calquera acción que puidese supoñer un empate. Dous saques de esquina dos visitantes seguiron intimidando a un rival que ía en boa dinámica pero que se debía a enfrontar ao Goliat da categoría. Nun deles, os verdes solicitaron man de Charbel, que finalmente non foi reclamada polo árbitro. O tempo de desconto alongouse pero o resultado quedou determinado polo gol de Escobar.

O Arenteiro sumaba 3 puntos ao lado da familia verde que cos seus cánticos animou durante todo o partido. Volvían todos a unha, coma sempre, dende Oviedo, pensando na viaxe da próxima semana a Avilés. Os de Javi Rey contan agora con 46 puntos, afastados do segundo clasificado.

FICHA TÉCNICA

REAL OVIEDO VETUSTA (0): Marco, Charbel, René Pérez, Lucas Laso (Santiago Román, min 56), Osky (Omar Falah, min 69), Yayo, Izan (Iván, min 80), Sesé (Mario Fuente, min 80), Álex Cardero, Miguel Cuesta (Enol, min 69) e Masca.

CD ARENTEIRO (1): Diego García, Jordan, Dani Pereiro, Pol Bueso, Joseca, Álex Fernández, Curro (Adrián Cruz, min 60), Pibe (Rafa Mella, min 83), Romay (Manín, min 46), Markitos (David Álvarez, min 60) e Antón Escobar (Álex Conde, min 78)

ÁRBITRO: Aranda Bujedo, do comité cántabro. Amonestou con cartón amarelo no CD Arenteiro a Pol Bueso e Diego García e no Vetusta a Lucas Laso e a Masca.

Leave a Reply