O CD Arenteiro visitou a Grela coa misión de superar a eliminatoria da Copa Federación ante o Silva SD. O escenario non era doado para impoñer a calidade, mais os verdes saíron con carácter, asumindo a iniciativa fronte a un rival ben ordenado en defensa.
O plan de Arribas foi claro: crecer dende atrás con orde e aproveitar as bandas coa velocidade de Babu e Alpha para xerar perigo. Cuéllar e Ferreiro foron dos máis activos na loita polo control do espazo e nos duelos individuais.
Co paso dos minutos, o encontro igualouse. O Silva buscaba xogo directo e balóns longos, mentres o Arenteiro mantiña o criterio e seguía tentando. A mellor ocasión dos visitantes tivoa Dani González nun man a man co porteiro, e a partir de aí os de Carballiño adiantaron liñas, presionando máis preto da área rival. Antes do descanso, Abajas protagonizou unha parada decisiva para evitar o gol local.
Na segunda metade, os cambios foron clave: entraron Caio, Jordan, JGrillo e Mingo para refrescar o equipo e dar máis presenza no medio. O Arenteiro apostou polo equilibrio e polo xogo interior, gañando metros e mantendo o control. A incorporación de Romera e Marcos sumou aínda máis efectivos en ataque, pero a fortuna non acompañou nos últimos metros.
O tramo final foi un asedio verde: Romera rozou o gol na ocasión máis clara, e o equipo de Arribas acumulou chegadas, pero sen acerto. Con 0-0 no marcador, o partido foise á tanda de penaltis.
Alí, a maior eficacia do CD Arenteiro premiou o seu esforzo e deu o pase á seguinte rolda con todo o merecemento.