Saltar al contenido
Portada » Novas » Valoración do mercado de fichaxes: Joan Farias

Valoración do mercado de fichaxes: Joan Farias

Valoración do mercado de fichaxes: Joan Farias

O director deportivo do CD Arenteiro, Joan Farias, realizou unha ampla valoración do último mercado de fichaxes, recentemente pechado, analizando as decisións tomadas, o contexto do club e os retos afrontados durante un período marcado por cambios, dificultades e un claro obxectivo deportivo.

Farias explicou que foi un mercado no que se produciron máis saídas ca entradas, buscando elevar o nivel competitivo do equipo: “Saíron xogadores que non aportaron o que pensabamos. O obxectivo foi mellorar a competitividade do cadro”. O director deportivo asumiu erros, especialmente en perfís experimentados que non tiveron continuidade sobre o verde, algo que recoñeceu como alleo ao seu control.

No capítulo de saídas, deixou claro que se tratou de dar continuidade só ao que estaba funcionando: “Agás Lluis, que pediu saír, o resto non estaban a aportar. Todos cobraron o traballado, e as saídas producíronse a custo cero”. Tamén fixo referencia a casos concretos, como o de Nacho Ramón, ao que se lle propuxo a saída, ou a situación disciplinaria de William de Camargo, aclarando que a súa ausencia non estivo relacionada co rendemento deportivo.

Farias quixo poñer en valor o traballo diario e a responsabilidade asumida: “Estou 24 horas traballando para o club. Non me escondo cando as cousas van mal. A crítica construtiva acéptoa, a cobarde non”. O director deportivo recoñeceu a presión do cargo e as dificultades derivadas dun cambio de modelo e dunha estrutura máis profesional, á que tivo que adaptarse.

En clave deportiva, destacou a sintonía co adestrador Jorge Cuesta: “Estamos na era Cuesta. Hai conexión, aínda que non coincidamos en todo. O importante é o obxectivo do equipo”. Afirmou que o Arenteiro sempre competiu e nunca deu mala imaxe, aínda que os resultados non sempre acompañasen.

Farias tamén revelou que antes do peche do mercado chegou a pedir a rescisión do seu contrato por motivos persoais, aínda que finalmente decidiu continuar tras o apoio recibido desde o club: “Todo o que faga será para mellorar o equipo”. Subliñou ademais a confianza da directiva e a complexidade dunha categoría esixente a nivel económico, na que “hai que facer malabarismos para seguir”.

Por último, fixo referencia ao traballo institucional e de futuro, incluíndo viaxes ao estranxeiro para buscar investidores: “O Arenteiro ten potencial, pero hai que facer as cousas ben e con paciencia”. Co obxectivo claro de manter a categoría, Farias pechou a súa intervención destacando a unidade interna: “Estamos todos na mesma dirección, só importa o obxectivo común”.

Noticias relacionadas