Saltar al contenido
Portada » Novas » Un penalti no desconto deixa sen premio ao Arenteiro

Un penalti no desconto deixa sen premio ao Arenteiro

Un penalti no desconto deixa sen premio ao Arenteiro

O CD Arenteiro caeu pola mínima nun encontro moi disputado, decidido no minuto 92 tras un penalti que rompeu a igualdade nun partido no que os de Carballiño fixeron méritos suficientes para sumar.

Jorge Cuesta introducía cambios no once inicial respecto ao último compromiso. Álex López ocupaba o lugar do sancionado Brais Val, mentres que Nacho Ramón partía de inicio, deixando a Mingo como opción para a segunda metade. O duelo desenvolveuse por fases, con momentos de maior dominio verde e outros de empuxe local, nun choque intenso e de moita esixencia física.

O Arenteiro mostrou personalidade en campo rival, alternando tramos de control con presión alta e transicións rápidas. Nacho Ramón foi referencia ofensiva durante a primeira hora de xogo, realizando un traballo constante de desgaste, gañando faltas e saques de banda que permitiron ao equipo respirar e avanzar metros. Co paso dos minutos, e tras a súa substitución, Mingo asumiu o protagonismo en punta, ofrecendo mobilidade e presenza na área.

En fronte, o Tenerife destacou pola súa precisión no xogo directo, interpretando con claridade onde enviar o balón e atacando con determinación os espazos xerados. O conxunto local amosouse forte nos duelos e competitivo nas accións aéreas, obrigando ao Arenteiro a manter un alto nivel de concentración.

No apartado defensivo, Eliseo e Jordan sostiveron ao equipo con solidez, atentos ás coberturas e firmes nas disputas individuais. Mención especial para Jordan, imperial durante todo o encontro, liderando a zaga nun escenario de máxima esixencia.

As ocasións máis claras caeron do lado verde en momentos puntuais. Xa no tramo final, no minuto 85, o Arenteiro gozou dunha dobre oportunidade clarísima: un remate de Bastida que se estrelou no longueiro e, na continuación da xogada, un disparo de Mingo que obrigou ao gardameta local a realizar unha intervención de mérito. O empate parecía facer xustiza ao visto sobre o céspede.

Mais cando o partido agonizaba, chegou a acción determinante. No minuto 93, tras unha falta lateral moi protestada polos visitantes, o balón foi colgado á área. Alassan controlou e, tras un leve contacto, caeu dentro da zona de perigo. O colexiado sinalou penalti e Gastón transformou a pena máxima para establecer o definitivo 1-0.

Un desenlace cruel para un Arenteiro que competiu, traballou e mostrou carácter nun encontro que, por momentos, mereceu rematar en táboas. A derrota doe pola necesidade clasificatoria, pero sobre todo pola sensación de quedar, unha vez máis, sen recompensa tras un esforzo colectivo de alto nivel.

Noticias relacionadas