O presidente do CD Arenteiro, Argimiro Marnotes, compareceu este xoves na sala de prensa de Espiñedo para facer un repaso da actualidade do club. Durante a súa intervención, abordou aspectos fundamentais da nova tempada como a campaña de abonados, a estrutura do club, a planificación deportiva e institucional ou os proxectos de futuro.
“Camiña con Nós”: unha campaña aberta a todos
Marnotes presentou a nova campaña de abonados baixo o lema “Camiña con Nós”, que reflicte o espírito de unidade do club. “É a nosa sexta tempada, e queremos que todo aquel que queira acompañarnos se sinta benvido”, indicou.
Un ano máis, mantéñense os prezos da pasada campaña e introdúcese unha novidade importante: a posibilidade de reservar asentos fixos no estadio, unha demanda recorrente da afección. Este servizo terá un custo adicional de 50 euros.
Prezos e modalidades
Tribuna
Renovación: 200 € (adulto) / 90 € (mozo)
Nova alta: 220 € (adulto) / 100 € (mozo)
Fondos
Renovación: 150 € (adulto) / 30 € (mozo)
Nova alta: 160 € (adulto) / 40 € (mozo)
Carné Arenteirista: 80 €, con acceso a dous partidos da tempada.
Todos os socios terán descontos na tenda oficial.
O prazo de adquisición dos carnés será do 19 de xullo ao 31 de agosto, con opción de reserva previa a partir do día 15 en tenda física. O club habilitará o pago fraccionado para facilitar o proceso.
Nova estrutura e reforzos
O CD Arenteiro presenta unha estrutura reforzada e profesionalizada de cara á nova tempada. A chegada de Germán Romo como novo director de operacións supón un paso adiante na xestión interna do club. Con ampla experiencia no mundo do fútbol, Romo encargarase da coordinación xeral. Xunto a el, Manuel Cid continúa como coordinador do club e responsable da base, Joan Farías á fronte da dirección deportiva, e Ito Cid integrado no Departamento de Comunicación e Redes. Na parcela deportiva, o novo adestrador Jesús Arribas estará acompañado polo seu corpo técnico, no que destacan tamén Jandro Novoa como preparador físico, Javier González como fisioterapeuta e Chechu como delegado.
Aposta pola base e igualdade
O compromiso coa canteira e coa igualdade segue sendo unha das pedras angulares do proxecto verde. Adrián Padrón estará á fronte da dirección de método, cun enfoque formativo que busca dar contido educativo aos xogadores, implicar ás familias e ofrecer novos alicientes ao longo da tempada. O club contará con equipo feminino, promesas, prebenxamín, dous equipos benxamíns, dous alevíns, infantís, tres cadetes e dous xuvenís, algúns deles competindo en categoría galega. Trátase dunha aposta decidida polo futuro e polo desenvolvemento integral dos rapaces da contorna.
Pretempada, Asemblea e proxectos de futuro
A pretempada comezará o día 16 de xullo con recoñecementos médicos, á espera da dispoñibilidade dos campos de Barbantes e Leiro. Ademais, está prevista a convocatoria dunha asemblea xeral de socios para presentar as contas da tempada e marcar o camiño futuro do club.
Entre os proxectos destacados, falouse da ampliación do Estadio de Espiñedo e da posibilidade de construír un novo campo en A Urceira, xa con parcela dotacional e titularidade municipal. Tamén se pasou o primeiro expediente ambiental necesario para avanzar nas obras.
Transformación e crecemento
O club pechou xa o exercicio económico e presentará as contas ao CSD. O presidente destacou a achega dunha persoa clave, Alejandro Arribas, que se incorporará á directiva no futuro proceso de transformación societaria.
Finalmente, Marnotes lanzou unha mensaxe de ilusión:
“Temos que poñer en valor onde estamos, os rivais que nos visitan, as cidades coas que competimos. Isto é bo para todos, para este territorio. Camiñemos xuntos. Xuntos chegaremos máis lonxe”.