Saltar al contenido
Portada » Novas » Traballo, probas e minutos para seguir medrando.

Traballo, probas e minutos para seguir medrando.

Traballo, probas e minutos para seguir medrando.

O CD Arenteiro chegaba ao estadio de Pasarón coa misión de continuar a súa preparación nunha pretempada cargada de duelos e encontros de alta intensidade.
Os de Arribas saltaban ao verde cun once cheo de novidades, pero coa mesma idea de xogo e control vista nos partidos precedentes. Primeiros minutos de alta esixencia nos que o equipo visitante buscaba con velocidade os espazos ás costas da zaga rival.
A pesar de todo, serían os granates quen se adiantasen no marcador, grazas a un tanto de Abelenda dende o corazón da área. Primeiro gol da mañá, e quenda para que os de O Carballiño remasen cara á igualada. Liñas adiantadas, bloque alto e a referencia de Nacho Ramón e Romera como homes de ataque para sorprender a retagarda local.

O encontro non se presentaba doado para os verdes, xa que, superada a media hora de xogo, de novo Abelenda conseguía bater a portaría de Alvin cun bo remate de cabeza. Segundo gol para o Pontevedra CF, e momento para que o CD Arenteiro atacase con máis impulso aínda.
Os de Arribas procuraban atopar o equilibrio a través do traballo en ataque e defensa, con Cuéllar e Moreno como homes máis incisivos nos duelos individuais por ambos costados. O treito final da primeira parte trouxo un enfrontamento táctico pola conquista dos espazos, algo fundamental nos seguintes corenta e cinco minutos.

A segunda metade estivo marcada por numerosos cambios en ambos equipos, e o CD Arenteiro modificaba case por completo a súa estrutura para o segundo acto. As entradas de Mingo, Félix, Fer Iglesias, Diego, Mikel, Gorka, Aguza, Brais e Jordan mudaban un equipo á procura de novas sensacións.
Os verdes adiantaban o bloque sobre campo rival e aumentaban a presión na procura do roubo preto da área contraria. Bo traballo físico no peche de espazos e contundencia defensiva para recuperar o control dun partido no que a eficacia de cara a gol non estaba a amosar a súa mellor versión no día de hoxe.

O tramo final de partido trouxo un equipo traballador e ordenado, que mellorou o seu rendemento co paso dos minutos. A acumulación de efectivos en zonas de remate permitiu unha maior presenza en áreas clave, aínda que sen éxito no golpeo definitivo. Mingo gozou da ocasión máis clara ao bordo da conclusión, pero o resultado non se movería neste treito final.
Traballo, probas e minutos para seguir medrando.

Noticias relacionadas