Saltar al contenido
Portada » Novas » Sensacións positivas no segundo test da pretempada

Sensacións positivas no segundo test da pretempada

Sensacións positivas no segundo test da pretempada

O CD Arenteiro empatou a dous goles na súa visita á Cidade Deportiva de Abegondo, deixando boas sensacións e evidenciando a progresión do equipo nesta fase preparatoria.

O Club Deportivo Arenteiro continúa coa súa fase de preparación, poñendo a proba pernas e conceptos nun intenso duelo ante o RCD Fabril. Foi un clásico partido de pretempada, no que o equipo verde comezou con clara vocación ofensiva, exercendo unha presión alta sobre a saída de balón do rival e xerando ocasións claras de gol.

No minuto 10, Nacho Ramón aproveitou un gran servizo de Jordan para inaugurar o marcador. Un gol merecido que situaba aos de Arribas por diante, grazas ao seu mellor e máis eficaz xogo. O equipo mostrouse combinativo e vertical ao mesmo tempo, e durante esta primeira metade, os verdes amosaron ambición por controlar o partido e avanzar con rápidas combinacións, activando ambos costados do ataque.

Co paso dos minutos, o encontro igualouse e o Fabril logrou poñerse por diante con goles de Luisao e Domínguez. A pesar dos intentos do Arenteiro por igualar antes do descanso —con ocasións claras de Ferreiro e do sempre presente Nacho Ramón—, o primeiro tempo concluíu con vantaxe para os locais.

Na segunda metade, viu a luz a versión máis ofensiva do Arenteiro, con chegadas constantes polas bandas e unha actitude claramente creativa tras o lóxico carrusel de cambios.

A paciencia e a ambición dos visitantes deron os seus froitos co gol de Mingo, que superou ao gardameta rival cun envío perfecto por alto para establecer o empate.

O bloque ofensivo e vertical dos verdes seguiu insistindo nas opcións de vitoria, sen descoidar os labores defensivos e a cobertura de espazos, cunha boa actuación de Diego baixo paus.

Tras os noventa minutos, empate no marcador e sensacións moi positivas neste segundo test da pretempada.

Noticias relacionadas