O Arenteiro mide forzas co RC Celta Fortuna en Barreiro
O CD Arenteiro afronta este sábado (16:15h) unha das saídas máis esixentes da tempada. O equipo de Jesús Arribas visita o estadio municipal de Barreiro para medirse ao RC Celta Fortuna, un conxunto de moita calidade e cun modelo de xogo moi recoñecible.
Arribas transmitiu confianza no seu cadro, subliñando que o Arenteiro chega preparado para dar un paso adiante:
“Trataremos de demostrar a calidade que ten este equipo. Sentimos que damos pasos adiante cada semana. Competir en maiúsculas é o que nos fai grandes”, apuntou o técnico, que insiste en manter a solidez defensiva como punto de partida.
Sobre o rival, o adestrador non escatimou en eloxios:
“O Celta Fortuna ten un modelo claro e moita identidade. Sempre van a polo partido, saen desde atrás con claridade e contan con xogadores moi bos en cada liña”, advertiu, consciente das dificultades que suporá presionar a un cadro que manexa tan ben o balón.
No plano físico, Arribas confirmou as baixas de Nacho e Jaume, reservados por molestias, aínda que destacou o bo nivel competitivo do resto da plantilla:
“O grupo traballou ben, está preparado para a oportunidade. O colectivo é o máis importante, tamén os que entran desde o banco, porque todos teñen o mesmo papel”.
O técnico agarda un encontro de moita intensidade, no que os verdes deberán impor o seu estilo:
“Coñecemos o contexto e haberá dificultades. Eles tratarán de levar o partido ao seu terreo, pero nós buscaremos un encontro físico, presionando alto e dificultando a súa saída. Temos que esixírmonos máis, medrar en ataque e ser valentes para quitarlles a posesión”.
Para Arribas, xogar en Barreiro supón un reto e unha oportunidade:
“É unha praza importante, queremos dar un golpe de autoridade enriba da mesa. Demostraremos a calidade que atesora este equipo, pero iso require traballo e rendemento ao máximo sobre o verde”.
O Arenteiro chega a Barreiro coa intención de reforzar as boas sensacións e demostrar que está preparado para competir de ti a ti cos rivais máis fortes da Primeira Federación.
Podes ver a previa completa na nosa canle de YouTube